XUNTA DE GOBERNO

O Concello e a Asociación Tempo con Xeito colaborarán para dinamizar a zona nova

04/03/2016 A Xunta de Goberno aprobou este venres a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Asociación Cultural Tempo con Xeito, para a realización de diversas actividades que teñen como obxectivo dinamizar a zona nova de Compostela. O acordo é semellante ao asinado no seu día coa Asociación Cultural Cidade Vella.

O convenio terá como vixencia os meses de marzo, abril, maio e xuño de 2016. As actividades previstas son contacontos, monólogos e teatro de cámara, maxia, clubs de lectura, exposicións, música ou actuacións de DJs, que se desenvolverán en cinco locais de hostalería da zona nova membros da asociación Tempo con Xeito. As actividades para as que se empreguen equipos de amplificación de son deberán desenvolverse nun horario que non exceda das 00:00 horas, agás as noites dos venres e sábados, que non excederán das 01:00 horas. As actividades que non precisen amplificación non poderán exceder do horario habitual do local.

No acordo, a Asociación Cultural Tempo con Xeito comprométese a poñer en marcha unha campaña de concienciación cívica entre os asistentes ás actividades, e a evitar aglomeracións e ruídos na vía pública.

O alcalde explicou que tanto o Concello como a Asociación Cultural Tempo con Xeito estaban interesados en reproducir na zona nova o modelo implantado na cidade histórica a raíz do convenio con Cidade Vella. Para Martiño Noriega, estes acordos son a mellor maneira de "solucionar un problema que estaba enquistado, en relación ás actividades de ocio nos locais".

Fogos do Apóstolo
A Xunta de Goberno de hoxe tamén deu conta da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e o Consorcio para a realización dos Fogos do Apóstolo 2016. O Consorcio financiará o espectáculo cunha partida de 220.000 euros e a súa contratación correrá a cargo do Concello.

O alcalde explicou que aínda é pronto para definir as características técnicas que teña o espectáculo, e non descartou que sexa preciso repetir o modelo do ano pasado, por mor das estadas que seguen instaladas na fachada da Catedral.

Programa de conciliación de Semana Santa
Na reunión desta mañá, o Goberno local aprobou o programa municipal de conciliación para a Semana Santa, que se desenvolverá os días 21, 22, 23 e 28 de marzo nos CEIPs das Fontiñas e Raíña Fabiola. O programa está dirixido ao alumnado dos centros de educación infantil e primaria de Santiago de Compostela, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, e inclúe os servizos de madrugadores e de comedor. Ademais das tarifas que paguen os participantes, o Goberno local reserva para financiar este programa unha partida de 6.700 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: