MEDIO AMBIENTE

O Centro de Interpretación Ambiental invítanos a descubrir o mundo dos insectos

03/03/2016 O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, en Belvís, vai dedicar aos insectos a súa programación de marzo. Para coñecelos mellor e para descubrir o seu mundo, a partir do próximo sábado poderase visitar unha exposición temporal, baixo o título Descubre o apaixonante mundo dos insectos.

A mostra reúne unha serie de macrofotografías que permiten ver os insectos de preto, e que pertencen a unha colección particular. As imaxes acompáñanse con bibliografía específica sobre a entomoloxía. A exposición pode visitarse todos os sábados, domingos e festivos, no horario de apertura do CIAC (de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 19:00 horas). De mércores a venres, o horario será de 9:00 a 14:00 horas. Tamén se organizan visitas guiadas para grupos, previa reserva no número 981 543 145.

Xornadas de divulgación ambiental
A programación do Centro de Interpretación Ambiental para este mes tamén inclúe unhas xornadas de divulgación ambiental sobre a entomoloxía, o estudo científico dos insectos. A actividade está dirixida ao público familiar, e leva por nome Con bota e bata. E é que os participantes poñerán as botas para percorrer as zonas naturais próximas ao CIAC na procura de insectos para fotografar, para despois poñer a bata e examinar os exemplares recollidos no laboratorio. A xornada desenvolverase pola mañá, de 11:00 a 13:00, e pola tarde, de 17:30 a 18:30 horas.

Por último, a programación do Centro de Interpretación Ambiental para este mes inclúe un roteiro interpretativo polo Parque de Belvís, como cada derradeiro sábado de mes.

Todas as actividades ofertadas polo CIAC son de balde. Os interesados poden obter máis información a través do correo electrónico ciac@santiagodecompostela.gal, ou chamando ao 981 543 145.

Compartir: