DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

A web de Comercio conta cunha nova sección para dinamizar a oferta comercial da cidade

03/03/2016 A Concellaría de Comercio vén de crear unha nova sección na web de Comercio destinada a publicar tanto as actividades municipais de dinamización comercial como as de outras entidades. Esta nova pestana, que leva o nome de "Dinamización" quere ser unha nova ferramenta de comunicación para o sector comercial.

O Departamento de Comercio vén impulsando actuacións para mellorar a oferta comercial de Santiago e para promocionar o comercio como elemento vertebrador da vida social e económica da cidade, a través de políticas activas de apoio ao comercio, de impulso do asociacionismo comercial, do aumento da súa competitividade e de mellora do contexto urbano.

O portal web do departamento é un dos espazos de referencia para o sector, onde se pode atopar información, non só da actividade municipal senón de todas as iniciativas levadas a cabo polas asociacións de comerciantes, veciñais e de impulso do comercio na cidade. Isto pode canalizarse a partir de agora coa nova sección "Dinamización", que xa está dispoñible no portal web.

Se pertences a unha asociación, grupo de comerciantes ou veciños e queres achegarnos algunha nova de dinamización comercial, so tes que mandarnos un correo electrónico con toda a información a comercio@santiagodecompostela.gal e incluirémola neste apartado web.

Compartir: