CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia ofrece tres concertos esta fin de semana no Festival Musika-Música de Bilbao

03/03/2016 A Real Filharmonía de Galicia (RFG) participa esta fin de semana no Festival Musika-Música de Bilbao con tres concertos no Palacio Euskalduna. A primeira cita terá lugar o sábado 5, ás 17:00 horas. O domingo día 6, a orquestra ofrecerá dúas actuacións, ás 13:45 e ás 18:45 horas. A batuta destes concertos levaraa o director titular e artístico da RFG, o mestre británico Paul Daniel.

No concerto do sábado, os músicos interpretarán a Sinfonía nº 3 "Escocesa" do compositor romántico alemán Felix Mendelssohn (1809-1847). Esta obra, realizada con motivo da primeira viaxe do compositor a Gran Bretaña, é unha homenaxe á Raíña Victoria.

A primeira actuación do domingo abrirase coa Sinfonía nº 10 de Mendelssohn. Cando tan só tiña entre 12 e 14 anos escribiu doce sinfonías para orquestra de cordas, obras que presentaba na súa casa cunha orquestra privada para celebrar reunións con socios e amigos dos seus pais. Este concerto concluirá coa Sinfonía nº 6 de Franz Schubert (1797-1828), unha das menos coñecidas e reproducidas do compositor romántico austríaco, presentada por primeira vez en público meses despois da súa morte.

Co pianista Luís Fernando Pérez
O segundo concerto do domingo iniciarase coa Obertura de A bela Melusina, de Mendelssohn, unha obra cargada de poesía musical baseada nos contos fantásticos de Melusina, unha princesa-fada que unha vez á semana era metade serpe ou serea. E finalizará co Concerto para piano nº 2 do mesmo Mendelssohn, interpretado polo pianista madrileño Luís Fernando Pérez.

Luís Fernando Pérez formouse na Escola Superior de Música Raíña Sofía de Madrid e perfeccionouse en Alemaña e en Barcelona. Ao longo da súa carreira profesional foi galardoado en diversos certames internacionais. Imparte clases maxistrais en Hungría, Francia, Portugal, Xapón e en varias cidades españolas. Ademais, é profesor da Cátedra de Música de Cámara na Escola Raíña Sofía, profesor de piano no Centro Superior Katarina Gurska (Madrid), na Academia Marshall en Barcelona e na Universidade Europea de Madrid. Tocou en multitude de escenarios de Europa, Asia, América e Estados Unidos e os seus discos recibiron prestixiosos premios internacionais no campo da música.

A Real Filharmonía de Galicia cumpre 20 anos
A Real Filharmonía de Galicia, que daba os seus primeiros pasos o 29 de febreiro de 1996, acaba de celebrar o seu 20º aniversario. Está formada por 50 músicos de 17 nacionalidades diferentes.

O primeiro director titular da orquestra foi Helmuth Rilling, entre 1996 e 2000. Seguiulle o mestre catalán Antoni Ros Marbà, que consolidou a súa traxectoria durante 14 anos e, agora, Paul Daniel, dende xaneiro de 2013. Ao longo destes anos ofreceu máis de 1.000 actuacións, coa participación duns 560 solistas de recoñecido prestixio, entre eles o violinista Frank Peter Zimmermann, o pianista Joaquín Achúcarro ou a mezzosoprano Teresa Berganza. E dirixírona uns 240 directores da talla de Frans Brüggen, David Afkham, Juanjo Mena ou Josep Pons.

A RFG realizou xiras e concertos nos escenarios de países como Alemaña, Austria, Francia, Brasil, Arxentina, Cuba e, especialmente, Portugal, ademais de nas principais cidades galegas e españolas. E traballa por achegar a música clásica a novos públicos, en particular aos máis novos e ás familias. Así, celebrou ao redor de 1.600 concertos didácticos.

O actual director titular e artístico da RFG, Paul Daniel, é tamén director musical da Orquestra Nacional de Burdeos. Dos premios que recibiu ao longo da súa traxectoria profesional destaca un Olivier pola súa achega á ópera e un Gramophone pola súa serie sobre música inglesa. Nos New Yearrs Honours de 2000 foi condecorado coa Cruz do Imperio Británico.

Compartir: