MEDIO AMBIENTE

O Concello e o Museo de Historia Natural colaborarán en actividades de divulgación científica sobre o medio ambiente

03/03/2016 O Concello e o Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago van colaborar na organización de actividades de divulgación científica sobre o medio ambiente. Así se recolle no convenio que van asinar as dúas partes, unha vez sexa aprobado mañá pola Xunta de Goberno e nas próximas semanas polos órganos de goberno da USC. O contido do acordo foi explicado hoxe polo concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e pola directora do Museo, María Isabel Fraga.

O convenio ten como obxectivo regular a colaboración entre o Museo de Historia Natural e a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia, para poñer en marcha actividades culturais, pedagóxicas ou de investigación relacionadas co medio ambiente. A directora do centro amosou a súa satisfacción por este acordo, "que supón retomar a cooperación entre o Museo e o Concello, que quedara en suspenso nos últimos anos". María Isabel Fraga salientou a importancia de traballar da man coa Concellaría de Medio Ambiente, sobre todo "despois de que o Museo de Historia Natural comezara unha nova etapa en outubro de 2014, cunha nova sede na Finca de Vista Alegre e con novas actividades".

Un dos obxectivos do convenio será dar a coñecer os recursos naturais e ambientais de Compostela, máis alá dos parques e xardíns, e formar en valores de respecto ao medio ambiente a toda a cidadanía, en especial aos máis novos. O acordo contempla a creación dunha comisión mixta entre o Concello e o Museo de Historia Natural, que se encargará de programar actividades concretas de xeito periódico.

Celebración do Día da Árbore
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que unha das primeiras actividades concretas nas que o seu Departamento vai colaborar co Museo de Historia Natural é a celebración do Día da Árbore, que se conmemora o 21 de marzo. Xan Duro explicou que "esta efeméride coincide coas vacacións de Semana Santa, polo que as actividades se desenvolverán na semana seguinte". A programación presentarase nos vindeiros días e estará dirixida tanto aos colexios como á cidadanía en xeral.

Compartir: