POLÍTICAS SOCIAIS

Avanzan os traballos para a elaboración dun protocolo de prevención e atención ás persoas afectadas polos desafiuzamentos

01/03/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, Concha Fernández, presidiu a terceira xuntanza da Mesa de Traballo para a elaboración dun protocolo de prevención e atención ás persoas afectadas polos desafiuzamentos.

Na Mesa participaron os colexios profesionais de Traballo Social, Avogacía e Psicoloxía, os concelleiros de Políticas Sociais dos concellos de Ames, Teo e Santiago, o colectivo Stop Desafiuzamentos e a Asociación de persoas afectadas polos desafiuzamentos. Tamén estaban convidados a Secretaría Xudicial e a Xudicatura, que non acudiron nin á primeira nin á segunda xuntanza. Segundo lle trasladaron á concelleira non teñen pensado incorporarse a este tipo de reunións posto que xa están subscritos a un protocolo de actuación coa Xunta de Galicia que non está a funcionar. En todo caso a concelleira espera que se poidan incorporar a futuras reunións pola importancia da coordinación nesta materia.

Concha Fernández asegura que o obxectivo destas reunións pasa por "traballar conxuntamente de cara a elaborar un protocolo de actuación coordinado entre diferentes entidades e concellos". Dito protocolo terá tres ámbitos de actuación: a prevención, a mediación e a protección. Na reunión desta mañá continuouse avanzando de cara a esa primeira vertente, onde se inclúe o asesoramento xurídico para aquelas persoas ou familias nunha situación económica delicada que podería derivar nun alzamento ou desafiuzamento.

A segunda vertente relaciónase coa mediación e inclúe o papel das administracións e as asociacións de cara a interlocución coas entidades bancarias e os propietarios das vivendas. O Concello de Santiago subscribirá ademais un convenio co Colexio de Avogados e o de Psicoloxía para a creación dun servizo municipal de mediación e a apoio psicosocial ás persoas con dificultades para o mantemento da súa vivenda habitual.

A terceira vertente que incluirá o protocolo que está en fase de elaboración é a relacionada coa protección das persoas afectadas polos desafiuzamentos, que incluiría as alternativas de carácter habitacional.

Situación en Santiago
Concha Fernández destacou que os principais problemas na cidade non se relacionan con alzamentos hipotecarios, senón por alugueiros, como consecuencia "da mellora notable nos códigos de conduta e de boas prácticas nas entidades bancarias". A concelleira recoñece que se teñen dado pasos positivos nese sentido, pero entende que é preciso continuar nunha liña de traballo e nun protocolo de actuación específico.

No caso de Santiago, o Concello interviu en dous desafiuzamentos, logrando paralos nunha situación de excepcionalidade. Recoñece a concelleira de Políticas Sociais que o Concello "so é unha parte das implicadas e adoita ser a última en ter constancia destas situacións".

Cómpre lembrar que o Pleno da Corporación aprobou unha moción na
que se declaraba Santiago cidade libre de desafiuzamentos, pautándose actuacións como a creación dunha mesa de traballo con todas as entidades implicadas e un protocolo de actuación e apoio a estas familias.

Compartir: