EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Concello investiu máis de 150.000 euros no plan de obras nos centros de ensino

01/03/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, deu conta hoxe das obras de mantemento, reparación e reforma levadas a cabo nos centros públicos de Santiago entre setembro de 2015 e marzo de 2016. A empresa encargada deste contrato foi Espina&Delfín e o importe invertido ascende aos 155.000 euros.

O Concello de Santiago responsabilízase da xestión e mantemento integral de 23 centros educativos, dos que 3 son escolas rurais, 13 centros de educación infantil e primaria, 6 escolas infantís e a Escola Municipal de Música. Os centros onde se levaron a cabo actuacións de mantemento e reparación durante estes meses foron: Ramón Cabanillas, Arquitecto Casas Novas, Apóstolo Santiago, Fontiñas, Lamas de Abade, López Ferreiro, Monte dos Postes, Pío XII, Raíña Fabiola, Rodríguez Xixirei, Roxos Villestro, Vite, Quiroga Palacios, O Gaioso, Rial-Laraño, O Sisto Marrozos, escolas infantís do Tambre, Tras Parlamento e San Roque e escolas infantís municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío.

Entre as actuacións levadas a cabo destacan as da Escola Infantil de San Roque, na que se investiron 5.300 euros en portas de entrada, accesos, estores… Na escola de Tras Parlamento investíronse 10.000 euros na rampla de emerxencias, acondicionamento do patio exterior e outras actuacións de mellora.

Entre as obras dos colexios de infantil e primaria destacan a do Monte dos Postes, cun investimento de 14.000 euros no pintado de paredes, sumidoiros ou reparación de varandas. Tamén no CEIP Arquitecto Casas Novoa cambiáronse as persianas, cisternas, pechouse o patio exterior e realizáronse outras actuacións de mantemento por un valor de 15.200 euros.

Informe de obras
Dentro das actuacións levadas a cabo dende setembro de 2015 a marzo de 2016 no plan de obras, elaborouse un informe a petición das direccións dos centros de ensino públicos de Santiago que se remitiu á Xefatura Territorial de Educación para a súa consideración. Nas vindeiras semanas o concelleiro reunirase coa Xefatura Territorial para coordinar os investimentos nos colexios públicos da cidade.

Este informe recolle as peticións de obras dos centros públicos da cidade co obxectivo de plasmar a situación de cada un deles para poder dar unha resposta coordinada ás demandas da comunidade educativa. O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, destacou "que é vontade do Goberno municipal acometer a renovación dos parques infantís dos colexios públicos da cidade en todo o mandato". Deste xeito arranxaranse catro durante este ano, seis para o seguinte e outros seis no ano 2018.

Outras actuacións
Así mesmo, realizouse a desratización, desinsectación e desinfeción nos centros públicos de educación infantil e primaria adscritos ao servizo de comedores e madrugadores do Concello de Santiago.

No contrato para a prestación do servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e arborado urbano, está previsto o mantemento das zonas verdes dos centros de ensino público de Santiago, no que se levan a cabo labores, entre outros, de limpeza e segas parciais, podas e de mantemento de zonas verdes.

Entre as actuacións que se realizaron inclúese a limpeza das instalacións, o mantemento de aparellos elevadores (ascensores), de zonas verdes, de instalacións eléctricas ou dos sistemas caloríficos (calefaccións e fancoils). A maiores investiuse na dotación de elementos de xogo nos patios dos centros públicos, subministracións de combustible, auga, luz e telefonía, servizo de conserxería e control de instalacións e seguridade. Tamén se incidiu nas actuacións que supoñen melloras no equipamento dos centros de ensino: pavimento das aulas de educación infantil, fontes, areeiros, papeleiras, dotación de colectores, etc.

Documentos relacionados



Compartir: