ALCALDÍA E POLÍTICAS SOCIAIS

Martiño Noriega aposta por facer de Compostela unha capital inclusiva

01/03/2016 O alcalde, Martiño Noriega, e a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, recibiron este martes no Pazo de Raxoi á directiva de Aspanaes, a Asociación de Pais de Persoas con Espectro Autista da Coruña. O rexedor expresoulle á presidenta do colectivo, María José Álvarez Folgar, a vontade do Goberno municipal de seguir colaborando coa Asociación e de abrir novas vías de cooperación.

A presidenta de Aspanaes aproveitou a reunión para pedir a colaboración do Concello cara á celebración do Día Internacional do Autismo, o 2 de abril. María José Álvarez Folgara topou total receptividade á súa proposta, que pasa pola celebración dun acto reivindicativo e de concienciación na praza do Obradoiro.

Ademais, Martiño Noriega e a concelleira Concha Fernández explicáronlles aos responsables de Aspanaes que o Concello traballa co obxectivo de "facer de Santiago unha cidade inclusiva, para as persoas con trastornos do espectro autista ou con calquera outro tipo de diversidade". Nesa liña, o alcalde incidiu en que "é preciso ter en conta a estas persoas á hora de programar actividades culturais ou á hora de pensar na accesibilidade das infraestruturas municipais".

A Asociación de Pais de Persoas con Espectro Autista conta en Santiago con 174 familias asociadas e atende a 54 rapaces e rapazas. No conxunto da provincia da Coruña, son 380 menores e 2.000 familias atendidas.

Compartir: