ACCIÓN CULTURAL

Ábrese a inscrición para a viaxe ao País Vasco do programa "Imos de excursión 2016"

01/03/2016 Dende as 17:00 horas deste xoves, 3 de marzo, estará aberto o prazo de inscrición na primeira das viaxes do programa Imos de excursión 2016. Os interesados poden así reservar praza para unha viaxe ao País Vasco prevista entre os días 24 e 27 de marzo, coincidindo coa Semana Santa. A inscrición pode formalizarse presencialmente nos centro socioculturais. Na reserva de prazas, que son limitadas, teñen preferencia os empadroados en Santiago.

Esta viaxe de catro días ten un prezo de 250 euros por persoa en habitación dobre, un prezo atractivo tendo en conta que se trata do período da Semana Santa. Neste prezo está incluído o autocar, o hotel en pensión completa, tres xantares, as visitas, os guías e o seguro de asistencia en viaxe. Non están incluídos os extras do hotel nin as entradas a museos e monumentos.

Os participantes sairán de Santiago a primeira hora da mañá do xoves 24 de marzo, para dirixirse a Oñati, onde visitarán o santuario de Aránzazu, o edificio da antiga Universidade e a igrexa de San Miguel de Oñati. Ao día seguinte, 25 de marzo, pola mañá, completa visita a San Sebastián, con parada obrigadas como o casco antigo, a praia da Concha, a Catedral ou o Kursaal. Á tarde, excursión a Zarautz e Getaría.

A expedición dirixirase o 26 de marzo a Bilbao, con visita ao conxunto histórico-artístico da cidade e as zonas de El Arenal e a Gran Vía. Pola tarde, paseo por San Juan de Gaztelugatxe e Bermeo. O último día, 27 de marzo, os viaxeiros visitarán Durango antes de emprender o regreso, tras o xantar, a Santiago.

Imos de excursión
O programa Imos de excursión, promovido pola Rede de Centros Socioculturais, ofrece neste 2016 un total de 14 viaxes, das que 5 son excursións dun día e 9 viaxes de varias xornadas. O calendario ofrece unha lista de atractivos destinos para todos os públicos, cos que gozar dun tempo de lecer compartido visitando o patrimonio histórico, cultural e natural galego, español e portugués.

As viaxes realizaranse en sábados, domingos e pontes festivas. En canto ás viaxes de varias xornadas, ademais da do País Vasco, este ano programáronse visitas a Andalucía (do 5 ao 8 de maio), ao Algarve (do 14 ao 17 de xullo), a Cataluña (do 8 ao 12 de outubro), ao Alentello (do 29 de outubro ao 1 de novembro), ás Termas de Lobios (do 21 ao 23 de novembro) e a Lisboa (do 3 ao 6 de decembro). Tamén haberá viaxes de dous días a León (28 e 29 de maio) e a Porto (18 e 19 de xuño). Finalmente, as cinco excursións dun día terán como destino Sanabria (10 de abril), a Costa Ártabra (24 de abril), a Mariña lucense (3 de xuño), o Piornedo (18 de setembro) e o San Martiño (11 de novembro).

Documentos relacionados



Compartir: