FACENDA

A concelleira de Facenda reuniuse coa Asociación de Familias Numerosas para explicarlle as bonificacións fiscais

23/02/2016 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, reuniuse este martes en Raxoi coa Asociación de Familias Numerosas para explicarlle as bonificacións fiscais ás que pode acceder este colectivo en 2016.

A edil explicou que a ordenanza de Compostela é beneficiosa para as familias numerosas, porque non atende ao valor catastral das vivendas, unha reivindicación histórica do colectivo. Agora, incorpórase por primeira vez unha bonificación en función da renda, unha medida que contou co acordo dos catro grupos da corporación municipal.

Os representantes da Asociación loubaron esta decisión, se ben fixeron algunhas suxestións que María Rozas se comprometeu a estudar de cara á elaboración da ordenanza de 2017. Unha delas pasaría por ter en conta o número de fillos á hora de establecer as bonificacións fiscais ás que poden acceder estas familias.

A edil aproveitou tamén a xuntanza para lembrar que as persoas que queiran acollerse a esta bonificación deberán presentar no Rexistro do Concello, antes do 1 de marzo, o título de familia numerosa e o anexo de autorización de acceso a datos fiscais da Axencia Tributaria. Todas as familias numerosas de Santiago que se acolleron a estas bonificacións en anos anteriores xa foron informadas individualmente destes prazos, e ademais está en marcha unha campaña informativa nos medios de comunicación para dar conta deste requisito.

Máis bonificacións
As vivendas de protección autonómica terán unha bonificación do 50% no Imposto de Bens Inmobles durante tres anos e agora tamén, ao longo dos 10 seguintes, a bonificación pasa do 25 ao 35%.

Increméntanse as bonificacións aos núcleos rurais ao 30, 60 e 90% segundo carezan de 1, 2 ou ata 3 servizos básicos.

Tamén se aumenta ao 90% a bonificación para inmobles con explotacións exclusivamente gandeiras.

Bonifícase igualmente aos máis respectuosos co medio, a través do aumento das bonificacións aos vehículos ecolóxicos e do incremento ao 90% da bonificación no imposto de construcións a aquelas de aproveitamento solar.

Compartir: