ESPAZOS CIDADÁNS E DEREITO Á VIVENDA

A Xunta notifica a aprobación da ARI de Vite

23/02/2016 O Instituto Galego da Vivenda e Solo comunicou esta mañá ao Concello a aprobación da declaración de Área de Rehabilitación Integral para o ámbito de Vite, que lle fora solicitada por acordo da Xunta de Goberno do pasado 7 de agosto. O IGVS e o Concello deberán asinar un convenio específico para o financiamento de actuacións de rehabilitación.

O escrito do IGVS sinala que a declaración de ARI "non leva implícito o financiamento das actuacións de rehabilitación" e "deberase subscribir o correspondente acordo específico na comisión bilateral de seguimento". Ademais, para a tramitación das actuacións, o Concello deberá contar cunha oficina municipal que posibilite a información e a xestión das posibles axudas, un compromiso xa asumido polo Goberno local.

A declaración como ARI do barrio de Vite permitirá realizar actuacións de mellora da accesibilidade, semellantes ás que se veñen realizando noutras Áreas de Rehabilitación Integral como Vista Alegre, Pontepedriña ou a Cidade Vella. As actuacións centraranse na instalación de ascensores e ramplas, así como na adecuación estética exterior dos edificios. No ámbito afectado existen un total de 1.231 vivendas. Trátase de vivendas de promoción pública construídas nos anos sesenta.

Compartir: