CONVIVENCIA

A Policía Local inspeccionou a pasada semana 54 vehículos de transporte de mercadorías, dos que seis foron propostos para sanción

23/02/2016 Durante a pasada semana, do 15 ao 21 de febreiro, a Policía Local colaborou coa Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia nunha campaña da Dirección Xeral de Tráfico de control de furgonetas e todo tipo de camións. Inspeccionáronse 54 vehículos, dos que seis foron propostos para sanción: catro deles por exceso de peso autorizado, un por circular cos pneumáticos en mal estado e un por circular sen ter superado a Inspección Técnica de Vehículos (ITV).

Esta campaña incidiu na vixilancia e control de aspectos como as horas de condución e descanso, o tacógrafo, o exceso de peso, os posibles defectos técnicos do vehículo ou a seguridade da carga transportada. Os axentes tamén comprobaron que a documentación do vehículo e do condutor fora a correcta, que a condución non se realizara baixo os efectos de drogas ou alcohol e que todos os ocupantes do vehículo usaran o cinto de seguridade.

Os vehículos destinados ao transporte de mercadorías (camións e furgonetas) son o segundo tipo de automóbil máis numeroso que circula por estrada. Representan o 16% do parque e sofren tamén un 16% dos accidentes con vítimas.

Compartir: