ACCIÓN CULTURAL

A XV edición do programa "Imos de excursión" ofrece 14 viaxes a destinos de Galicia, España e Portugal

23/02/2016 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou a XV edición do programa Imos de excursión. Desta vez, a oferta promovida pola Rede de Centros Socioculturais componse de 14 viaxes, das que 5 son excursións dun día e 9 viaxes de varias xornadas. O calendario arranca o 24 de marzo cun percorrido de catro días polo País Vasco e rematará a principios de decembro cunha viaxe a Lisboa.

O programa ofrece unha lista de atractivos destinos para todos os públicos, cos que gozar dun tempo de lecer compartido visitando o patrimonio histórico, cultural e natural galego, español e portugués. Nesta edición de 2016 fíxose especial fincapé naquelas excursións que tiveron máis éxito en anos anteriores, pero con contidos e visitas novidosas.

As viaxes realizaranse en sábados, domingos e pontes festivas. En canto ás viaxes de varias xornadas, este ano programáronse visitas ao País Vasco (do 24 ao 27 de marzo), a Andalucía (do 5 ao 8 de maio), ao Algarve (do 14 ao 17 de xullo), a Cataluña (do 8 ao 12 de outubro), ao Alentello (do 29 de outubro ao 1 de novembro), ás Termas de Lobios (do 21 ao 23 de novembro) e a Lisboa (do 3 ao 6 de decembro). Tamén haberá viaxes de dous días a León (28 e 29 de maio) e a Porto (18 e 19 de xuño). Finalmente, as cinco excursións dun día terán como destino Sanabria (10 de abril), a Costa Ártabra (24 de abril), a Mariña lucense (3 de xuño), o Piornedo (18 de setembro) e o San Martiño (11 de novembro).

Inscricións
As excursións están destinadas ao público en xeral, agás a viaxe termal a Lobios, na que os participantes teñen que ser maiores de 18 anos, pola propia normativa do balneario.

As inscricións realizaranse nos centros socioculturais, no prazo que se abrirá antes de cada excursión. Así, para a primeira das viaxes, a varias localidades do País Vasco, prevista para os días 24, 25, 26 e 27 de marzo, o prazo de inscrición comeza o xoves 3 de marzo ás 17:00 horas. O mínimo de inscritos para que se realice a viaxe é de 40.

Máis de 1.000 prazas
A oferta global de prazas para esta edición do programa Imos de excursión é de 1.045, das que 550 corresponden ás excursións dun día e 495 ás viaxes de varias xornadas. Na edición de 2015, participaron no programa 1.250 persoas.

Compartir: