CONVIVENCIA

Os Bombeiros achegarán o seu traballo á cidadanía con exhibicións no Obradoiro

22/02/2016 O 8 de marzo celébrase o Día dos Bombeiros, e o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Santiago vaino celebrar cun amplo programa de actividades no que colaboran as Concellarías de Medio Ambiente e Convivencia e de Educación e Cidadanía.Os actos terán lugar o sábado 5 de marzo, na praza do Obradoiro, a partir das 10:30 horas, e consistirán en talleres e exhibicións para amosar o traballo dos bombeiros e para achegarlle á cidadanía algunhas nocións básicas sobre prevención.

O xefe dos Bombeiros de Compostela, Xesús Martínez, deu conta dos talleres que se van desenvolver na praza do Obradoiro, pensados para a cidadanía en xeral. Un dos máis chamativos será o de rescate en altura, que terá lugar nas estadas instaladas na fachada da Catedral. Os asistentes coñecerán como traballan os Bombeiros nos rescates verticais e que ferramentas utilizan. Tamén haberá unha exhibición sobre excarceración en vehículos, para explicarlle ao público como se intervén no caso de accidentes de tráfico, unha das operacións máis frecuentes para o Corpo.

O terceiro dos talleres previstos analizará o manexo de mangueiras e mercadorías perigosas, co obxectivo de facerlle ver á cidadanía que este tipo de substancias se poden atopar en calquera lugar, dende as fábricas aos nosos propios fogares. Durante a actividade daranse algunhas nocións sobre transporte e almacenaxe destas mercadorías, e amosarase como actúan os Bombeiros no caso de contaminacións.

Por último, está previsto un taller sobre manexo de extintores, no que os Bombeiros concienciarán aos asistentes das vantaxes que supón ter un destes dispositivos nas súas casas, e sobre o doado que é manexalos. Para iso, farase unha demostración práctica dos perigos que pode ter tratar de sufocar o lume dunha tixola utilizando auga.

Obradoiros infantís
Nas actividades do 5 de marzo na praza do Obradoiro tamén participa a Concellaría de Educación, responsable duns obradoiros específicos para os máis pequenos. Desta vez, o departamento quixo prestarlle especial atención aos nenos das escolas infantís municipais, que estarán convidados a participar nos actos xunto coas súas familias. Na zona específica da Praza do Obradoiro que estará habilitada para eles, os cativos participarán en actividades como a elaboración dun mural sobre os Bombeiros e do carné da familia dos Bombeiros.

Á marxe dos actos do día 5, o Departamento de Educación está traballando na edición de unidades didácticas relacionadas cos Bombeiros, na elaboración dun plan de evacuación dos centros escolares e na organización de visitas ao Parque de Bombeiros.

Compartir: