TURISMO

O gasto medio dos turistas creceu un 7,42% en Santiago no ano 2015

17/02/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e o responsable do Centro de Estudos e Investigacións Turísticas da Universidade de Santiago, Miguel Pazos, presentaron no Pazo de Raxoi o Estudo de Caracterización da Demanda Turística de Santiago de Compostela no ano 2015, que elaborou o Cetur para Turismo de Santiago.

O estudo recolle un amplo abano de datos que permiten trazar o perfil das persoas que visitaron Santiago no 2015. A concelleira Marta Lois destacou un dos principais capítulos que permiten avaliar a evolución da demanda na cidade: o gasto medio diario. Segundo os datos do Estudo, o gasto medio aumentou nos turistas un 7,42%, ata os 58,23 euros; nos excursionistas un 20,92%, ata os 28,96; e nos visitantes un 12,72%, ata os 53,45 euros.

Segundo apuntou Marta Lois, por primeira vez as persoas interesadas neste amplo estudo que define o perfil dos turistas, excursionistas e visitantes da cidade, poderán consultalo na web de Turismo de Santiago, www.santiagoturismo.com. Seguindo o compromiso de transparencia do Goberno municipal, a entidade municipal de promoción turística da cidade vén de habilitar un novo espazo na súa web onde se poden consultar os estudos feitos polo Cetur sobre a demanda turística na cidade dende o ano 2005.

Neste novo espazo web tamén se poderán consultar o número de consultas que se atenden diariamente na oficina de información de Turismo de Santiago na rúa do Vilar. Os datos actualízanse diariamente e móstranse por procedencias, por países no caso dos mercados internacionais, e por comunidades autónomas no caso do mercado doméstico.

No ano 2015, o número total de consultas que atendeu o persoal de información de Turismo de Santiago foi de 209.666, das cales 116.457, foron consultas de turistas internacionais, 83.675 foron de turistas domésticos e 9.534 de persoas de Santiago. Houbo un crecemento en todas as categorías respecto ao ano 2014, cando se atenderon 201.686 consultas, das cales 113.635 foron de turistas internacionais, 78.579 de turistas domésticos, e 9.472 de persoas de Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: