PATRIMONIO

A Comisión de Patrimonio do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade presenta os seus plans para os próximos meses

16/02/2016 A Casa Árabe de Madrid acolleu a reunión da Comisión de Patrimonio do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, na que Compostela estivo representada polo concelleiro de Espazos Cidadáns Jorge Duarte. Esta comisión, presidida pola alcaldesa de Cáceres, Elena Nevado, ten como obxectivo poñer en marcha actividades relacionadas coa conservación e os valores dos conxuntos históricos das 15 cidades do grupo.

O obxectivo da reunión foi informar sobre o estado dos proxectos que ten en marcha esta área de traballo do Grupo de Cidades Patrimonio, nos que están implicados os técnicos municipais de patrimonio, arqueoloxía, accesibilidade, medio ambiente, seguridade e mobilidade. Algúns destes programas xa están rematados e só están pendentes da súa presentación pública. É o caso do Libro Branco da Mobilidade nas Cidades Patrimonio, das 15 Guías pedagógicas sobre os valores patrimoniais das urbes do grupo, ou do proxecto Appside da Fundación Orange, que lle facilita o desfrute das Cidades Patrimonio a todas as persoas e, especialmente, ás que teñen algún tipo de discapacidade visual ou auditiva.

Proxectos para o primeiro semestre de 2016
A xuntanza da Comisión de Patrimonio tamén serviu para presentar os programas que se van desenvolver de aquí a xuño. Entre eles destaca un curso especializado sobre Seguridade do Patrimonio Histórico, que se celebrará no mes de abril en Cáceres e que estará dirixido aos mandos intermedios dos corpos de bombeiros; a execución da segunda fase da Guía Arqueolóxica das 15 cidades Patrimonio da Humanidade; ou a elaboración dunha serie de maquetas das urbes especialmente deseñadas para persoas con discapacidade visual e que se situarán nas oficinas de turismo.

A Comisión tamén está traballando na convocatoria dun concurso de sensibilización en materia de medio ambiente, e na creación dun fondo fotográfico dixital con imaxes patrimoniais das cidades do grupo. Por último, na reunión avanzouse na organización do Simposium Internacional de Murallas, "Cidades Fortificadas Patrimonio Mundial", que se celebrará do 7 ao 9 de xuño en Ávila.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España está formado polas 15 urbes cuxos cascos históricos foron recoñecidos pola UNESCO: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Compartir: