COMERCIO

O Concello dinamiza Conxo coa elaboración de tres murais en locais abandonados

16/02/2016 A concelleira de Promoción Económica, Turismo e Comercio, Marta Lois, achegouse esta mañá ao barrio de Conxo co presidente da asociación Esperta Conxo, Xulio Turnes, para visitar os murais que tres artistas realizaron en tres locais do barrio.

"O que se pretende con estas intervencións artísticas é elaborar murais que simulen posibles tendas e negocios que non existen actualmente no barrio sobre aqueles espazos comerciais que están baleiros", explicou a concelleira Marta Lois.

Os murais son representativos de tres negocios que non existen en Conxo: unha zapatería, unha xoiería e unha tenda de xoguetes. Perséguese con isto dinamizar á zona á vez fomentar o emprendemento e a apertura de novos negocios no barrio.

É unha iniciativa demandada e solicitada dende hai tempo ao Concello pola asociación de comerciantes do barrio de Conxo, Esperta Conxo, e finalmente posta en marcha polo Concello no último mes do 2015.

Realizáronse tres intervencións en dous locais comerciais da rúa Sánchez Freire. As intervencións correron a cargo dos seguintes artistas: a zapatería, por Mon Devane; a xoiería, por Asten; e o xoguetería, por O'Ras.

"Esperamos que co éxito desta iniciativa se motive a outros propietarios de locais a permitir que se actúe sobre os seus establecementos, nunha zona da cidade que consideramos fundamental", indicou a concelleira.

Conxo Consume
A primeira actividade levada a cabo por Desenvolvemento Económico no barrio de Conxo foi Conxo Consume/Consume Conxo/em], a primeira acción específica do programa Mellorar o talento dos nosos barrios para fomentar o tecido empresarial dos diferentes barrios da cidade. Dende o Concello escollérase este barrio como o primeiro para realizar este programa polas dificultades especiais que está a atravesar debido ás obras no túnel de Conxo. Foi tal o éxito que o Concello desenvolverá unha segunda edición neste ano 2016.

Compartir: