TURISMO

Reunión da Comisión de Turismo do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade

10/02/2016 Este martes celebrouse na sede da Federación Española de Municipios e Provincias en Madrid a reunión de Comisión Turismo do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, á que asistiu a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois.

A Comisión de Turismo do Grupo é a encargada de planificar e xestionar a estratexia de promoción nacional e internacional da oferta turística conxunta das 15 cidades, como produto diferenciado baseado no Patrimonio e a Cultura. Así, na reunión fíxose un repaso aos distintos programas que esta Comisión vén desenvolvendo no campo da comunicación e da promoción, especialmente das últimas accións levadas a cabo dende o pasado mes de novembro, e concretáronse as que terán lugar no primeiro trimestre deste ano 2016.

En materia de comunicación, realizouse un balance das campañas de publicidade nacionais desenvolvidas no mes de decembro e revisáronse os contidos da guía práctica sobre as 15 cidades que editará a Organización de Consumidores e Usuarios. Presentáronse as novas aplicacións e a páxina web coa oferta de turismo accesible creadas por Predif, xa operativas, e estudouse a planificación da rodaxe da nova serie de RTVE As cidades Patrimonio da Humanidade de España, cos tres primeiros capítulos dedicados a Ávila, Santiago de Compostela e Segovia.

Promoción
A Comisión tamén fixo balance da presenza do grupo en Fitur 2016 e nas últimas feiras de turismo de Utrecht (Holanda), do 13 ao 17 de xaneiro, e de Bruxelas (Bélxica), do 4 ao 8 de febreiro. As próximas citas serán: Feira Reisen de Hamburgo (Alemaña), do 13 ao 17 de febreiro); Feira ITB de Berlín (Alemaña), do 9 ao 13 de marzo; e Salón Mundial do Turismo de París (Francia), do 17 ao 20 de marzo.

Outros asuntos tratados na xuntanza foron a organización de próximas exposicións fotográficas nas sedes de varias sedes do Instituto Cervantes de Centroeuropa, como Hamburgo e Budapest, e a presentación da oferta do Grupo nos próximos meses tanto ao público nacional, en Málaga, como en mercados de Europa, Asia e Norteamérica.

A Comisión de Turismo está formada polos concelleiros desta área das 15 cidades Patrimonio da Humanidade de España. A súa coordinación corresponde actualmente aos edís de Ávila, Héctor Palencia, e de Alcalá de Henares, María Aranguren. A reunión estivo presidida por José Luis Rivas, alcalde de Ávila e actual presidente do Grupo.

Compartir: