TURISMO

RTVE gravará este ano o capítulo sobre Santiago da serie documental en 4K "Cidades españolas Patrimonio da Humanidade"

03/02/2016 RTVE producirá a serie documental en 4K Cidades españolas Patrimonio Mundial, na que mostrará a riqueza histórica e cultural das 15 cidades de España declaradas Patrimonio Mundial pola UNESCO. A Corporación e o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España asinaron este mércores o convenio de colaboración para comezar este ano a produción da serie. O capítulo sobre Santiago de Compostela gravarase este mesmo ano 2016.

Subscribiron o acordo o presidente de RTVE, José Antonio Sánchez, e o alcalde de Ávila, José Luis Rivas, na súa condición de presidente do Grupo de Cidades, en presenza doutros representantes municipais das cidades Patrimonio. Como consecuencia desta firma, RTVE producirá a serie Cidades españolas Patrimonio Mundial, que constará de 15 capítulos dunha hora de duración, cada un deles dedicado a unha das cidades que compoñen o Grupo e rodados en Ultra Alta Definición (UHD 4K).

En 2016, RTVE producirá tres episodios e, cada ano, realizará un máximo de catro capítulos ata chegar a 15 a finais de 2019. A orde de gravación das cidades será cronolóxico, segundo o ano no que cada unha recibiu a distinción. Deste xeito, os documentais de Santiago de Compostela, Ávila e Segovia, recoñecidas en 1985, serán gravados neste mesmo ano 2016. Logo será a vez de Cáceres e Toledo (1986), Salamanca (1988), Mérida (1993), Córdoba (1994), Cuenca (1996), Alcalá de Henares (1998), Ibiza e San Cristóbal de la Laguna (1999), Tarragona (2000), e Baeza e Úbeda (2003).

A serie documental emitirase nas canles de televisión de RTVE e en RTVE.es.

Compartir: