PLENO

O Pleno da Corporación aproba por unanimidade o Regulamento do Consello Municipal de Turismo e Cidade

21/01/2016 O Pleno da Corporación aprobou por unanimidade unha proposta da concelleira delegada de Turismo, Marta Lois, relativa á modificación do regulamento do Consello Municipal de Turismo e Cidade. Esta actualización é o paso previo para reactivar o órgano, no marco dun proceso de definición do vindeiro Plan Estratéxico de Turismo 2016-2021.

O Consello munda dede nome, incluíndo o termo de Cidade, como mostra de que o turismo é un eido central na vida municipal, polo que as reflexións respecto do mesmo teñen que incluir aos diferentes actores locais. Precisamente neste proceso de inclusión se enmarca a incorporación de novos membros ao Consello. En especial, destaca a incorporación de representantes dos veciños, a través de dous membros designados polo Consello de Relacións Veciñais.

O Consello Sectorial de Turismo foi creado no ano 2008 coma un "instrumento de diálogo, colaboración e asesoramento da política turística municipal, como un órgano de participación e debate no proceso de toma de decisións da política turística local". Nel estaban representados os grupos municipais, a Cámara de Comercio, Hostalería Compostela, a Universidade de Santiago, Turismo de Santiago-Incolsa, a Dirección Xeral de Turismo da Xunta, a Concellería de Turismo, o Centro de Estudos Turísticos da USC, o Consello Municipal da Cultura do Concello de Santiago, os guías turísticos e tres expertos na materia.

A proposta aprobada no Pleno, ademais de mudar a denominación do órgano pola de Consello Municipal de Turismo e Cidade, amplía a súa composición, para incorporar a un representante da Fundación Catedral, un responsable do Plan de Xestión da Cidade Histórica actualmente en elaboración, representantes da actividade comercial, da actividade congresual e do turismo idiomático, e da Cidade da Cultura. A proposta de modificación do regulamento tamén procura unha composición equilibrada entre homes e mulleres.

Con esta modificación do regulamento, o Goberno local dá o primeiro paso para reactivar o Consello Municipal de Turismo e Cidade, que se reuniu por última vez o 30 de xuño de 2010 e que ao longo destes oito anos só celebrou catro xuntanzas. A concelleira delegada de Turismo, Marta Lois, entende que este órgano consultivo e de participación debe xogar un papel fundamental na definición do modelo turístico de Compostela e na elaboración do Plan Estratéxico de Turismo 2016-2021, que conducirá as políticas ata o vindeiro Ano Santo.

Renovación do Padroado da Fundación Refuxio de Animais
Outra das propostas aprobada por unanimidade no pleno de hoxe foi a presentada pola concelleira de Benestar Animal para o nomeamento de novos membros colaboradores da Fundación Refuxio de Animais

Segundo o regulamento de 2006, que non foi renovado, o Padroado está presidido polo alcalde, exerce como vicepresidente o concelleiro que teña delegadas as competencias relativas ao Refuxio de Bando, e exercen como vogais un representante por cada grupo da Corporación, ata dez persoas elixidas polo Pleno entre as designadas previamente como membros colaboradores, e un representante por cada un dos concellos membros da Fundación.

Dende 2006 non se actualizaron os membros colaboradores, malia a que os estatutos sinalan que os patróns serán renovados cada catro anos. Por todo iso, a edil Noa Morales propuxo a renovación dos membros colaboradores do Padroado da Fundación, e que neste proceso sexan tidas en conta as asociacións e grupos non profesionais que traballan no ámbito do benestar animal. Segundo o acordado no Pleno, no Padroado da Fundación estarán representadas as Asociacións SOS Animalia, Abeiro e Argo.

Proxecto Smarter Together
O Pleno tamén aprobou na sesión ordinaria de xaneiro a participación de Santiago no Smarter Together, un proxecto europeo dotado con máis de 25 millóns de euros na convocatoria 2015-2020. A proposta contou cos votos a favor dos concelleiros de Compostela Aberta e do PP, mentres que PSdeG-PSOE e BNG optaron pola abstención. En virtude do acordo, Santiago participará no Smarter Together baixo a figura de "Follower", xunto con Venecia e Sofía, de xeito que aprendería das experiencias das tres cidades líderes do proxecto ou "Ligthouse": Lyon, Munich e Viena. Por último, participarían dúas cidades observadoras de fóra da Unión Europea: Kiev e Yokohama.

Santiago, como cidade seguidora, terá a oportunidade de participar para mellorar o deseño da súa propia estratexia de cidade nas cinco áreas que conforman o proxecto: laboratorios urbanos para a participación cidadá, sistemas de calefacción de barrio e enerxías renovables, rehabilitación enerxética global de equipamentos urbanos, plataformas de datos e servizos intelixentes vinculados a un concepto de Smart City e solucións de e-mobilidade para acadar unha mobilidade sostible.

A participación de Santiago reportaríalle 305.000 euros, dos cales 200.000 serían para o Concello e 100.000 para a Fundación FEUGA. Ademais Compostela tería acceso á base de coñecemento creada durante o proxecto.

Por último, no Pleno deste xoves aprovouse definitivamente, tamén por unanimidade, o Regulamento da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico, logo de que fora rexeitada a única alegación presentada ao texto.

Compartir: