ALCALDÍA

A praza do Obradoiro acolle a exposición escultórica "Henry Moore. Arte na rúa"

21/01/2016 O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, o director territorial de Caixabank en Galicia, Marc Arthur Benhamou; e o xefe de Coleccións da Henry Moore Foundation, Sebastiano Barassi, presentaron hoxe en Santiago de Compostela a exposición Henry Moore. A mostra estará na praza do Obradoiro ata o 28 de marzo.

Esta exposición, incluída no programa Arte na rúa, da Obra Social "la Caixa", pretende converter a cidade de Santiago de Compostela nun museo a ceo aberto, para dotar así dun novo sentido á escultura monumental, ao tempo que amosa a obra dun artista de renome no panorama internacional.

As monumentais pezas de Henry Moore dialogan co entorno, por afinidade ou por contraste, e provocan un grande impacto nas persoas que as descobren por primeira vez. Con este espírito, as exposicións cumpren unha función social: son unha ferramenta de coñecemento e de integración ao alcance de todos, o que representa o obxectivo último da Obra Social "la Caixa" no plano cultural.

Henry Moore volve deste xeito ás rúas do noso país tras a gran retrospectiva da súa obra que tivo lugar en Madrid e Barcelona en 1981, cinco aos antes da morte do artista, e da gran exposición que a Obra Social "la Caixa" presentou en CaixaForum Barcelona no ano 2006. Ademais, en 1995, o Auditorio de Galicia organizou unha mostra, Escultura británica contemporánea. De Henry Moore aos anos 90, na que se incidía en seis xeracións da escultura británica e que trouxo a Compostela algunha das obras de Moore.

A organización da exposición Henry Moore. Arte na rúa conta coa colaboración da Henry Moore Foundation e do Concello de Santiago de Compostela.

Documentos relacionados



Compartir: