CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia acompaña este venres ao barítono alemán André Morsch, que interpretará "Rückert lieder", de Mahler

20/01/2016 A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu concerto semanal de abono este venres, 22 de xaneiro, ás 21:00 horas, no compostelán Auditorio de Galicia. A batuta levaraa o director asociado da orquestra, o mestre Maximino Zumalave.

A velada musical comezará coa obra Rückert lieder, do compositor austríaco Gustav Mahler (1860-1911). É un conxunto de cinco cancións compostas entre 1901 e 1902, baseándose en poemas escritos por Friedrich Rückert. Nesta ocasión poñeralles voz o barítono alemán André Morsch.

Morsch actuou coas grandes orquestras de Europa, nos mellores escenarios e cos directores máis prestixiosos. Completou con altas cualificacións os seus estudos, tanto en Austria como no Conservatorio de Ámsterdam e na Academia da Ópera da Haia. Ao longo da súa carreira recibiu importantes premios internacionais polas súas extraordinarias interpretacións en obras como As vodas de Fígaro, A frauta máxica, O Mesías, O barbeiro de Sevilla ou Don Giovanni, entre outras.

"A Grande" de Schubert
O concerto concluirá coa Sinfonía nº 9 do austríaco Franz Schubert (1797-1828), considerado o introdutor do romanticismo musical. É a súa última sinfonía e unha das súas mellores obras, estreada once anos despois da súa morte baixo a dirección de Felix Mendelssohn. É coñecida como "A Grande" pola súa longa duración, de case unha hora.

A obra foi rexeitada pola súa excesiva duración e dificultade para ser interpretada en público, e o compositor só recibiu un pequeno pago por ela. Quedou abandonada nun caixón durante anos ata que Robert Schumann atopou un manuscrito en casa do irmán de Schubert en Viena en 1838. Entregoulle a obra a Mendelssohn, quen a estreou en 1839. Schumann afirmou que "a sinfonía causou entre nós un efecto como non o causaba ningunha outra desde Beethoven. Non hai temor a que sexa esquecida, a que non sexa tida en conta, leva en si o xerme da eterna mocidade".

Compartir: