CONVIVENCIA E MEDIO RURAL

O Concello fai balance das reparacións dos danos causados polos últimos temporais

20/01/2016 Os concelleiros de Medio Rural, Rafael Peña, e Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, deron conta hoxe das actuacións levadas a cabo desde os dous departamentos para afrontar e reparar os danos ocasionados en todo o termo municipal nas últimas xornadas de temporal. O groso das actuacións levouse a cabo na zona rural. Rafael Peña explicou que foi preciso habilitar un contrato de emerxencia para afrontar arranxos por un importe estimado nuns 40.000 euros.

A empresa Alcomte encargouse dos traballos, con dez operarios as 24 horas do día baixo a supervisión dun técnico da Brigada de Vías e Obras. A maioría das actuacións centráronse en limpeza de cunetas e taxeas, retirada de pedras e cascallos e aperturas de desaugadoiros.

As principais incidencias rexistráronse en San Xoán de Fecha, A Grixoa, San Caetano, Aríns, Sabugueira, Villestro, Casas Novas, Enfesta, Cesar, O Eixo, Marrozos, a Cruxeira e Figueiras. Neste último caso, Rafael Peña sinalou que se están rexistrando problemas constantes no lugar de Moa de Arriba, e explicou que desde hai catro anos existe un anteproxecto para solucionar esta deficiencia estrutural, que nunca foi orzamentado. O concelleiro comprometeuse a afrontar esta actuación en canto sexa posible.

En canto ao ámbito urbano, o concelleiro Xan Duro explicou que non se rexistraron incidencias graves. A máis salientable foi a caída, na Alameda, dun tramo de tres metros do muro que separa a carballeira de Santa Susana do Paseo dos Leóns. O edil de Medio Ambiente e Convivencia sinalou que os técnicos do Consorcio están elaborando un informe antes de reparar este tramo, para decidir se é preciso actuar en máis zonas do muro.

Deficiencias estruturais
Os concelleiros Xan Duro e Rafael Peña sinalaron que todo o termo municipal presenta deficiencias estruturais que agravan as consecuencias das fortes chuvias. Tamén recoñeceron que a auga caída nas últimas semanas agravou a situación das fochancas presentes en toda a rede viaria. Neste sentido, lembraron que a proposta de orzamentos do Goberno duplica as partidas para mantemento. Mentres non estean aprobadas as contas, estase a actuar nas fochancas que supoñen un problema de seguridade.

Vixilancia nos puntos negros
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que durante as últimas xornadas de temporal reforzáronse as patrullas da Policía, tanto polo día como pola noite, e incrementouse a presenza de técnicos de Viaqua e Urbaser, con quince operarios traballando por cada unha das empresas. Tamén se reforzou a presenza dos bombeiros. Xan Duro sinalou que neste operativo mantívose unha especial vixilancia nos puntos negros detectados por toda a cidade, nun informe encargado a Viaqua despois do temporal que causara importantes asolagamentos a comezos de outubro.

Nese documento, no que colaboraron a Policía Local e os Bombeiros, desveláranse problemas estruturais e deficiencias na execución de determinadas obras, que favorecen que se produzan inundacións en caso de fortes chuvias. Estes vinte puntos negros están localizados no Cruceiro da Coruña, a Praza de España, a Avenida de Lugo, a Rúa Berlín, a rotonda de Área Central, a rúa do Vieiro, Fontes do Sar, a rúa Diego Bernal, a rotonda da avenida Clara Campoamor, Burgo das Nacións, Pelamios, o cruce das rúas Entreríos e Galeras, o Carme de Abaixo, San Lourenzo, a Avenida Mestra Vitoria Míguez, Frei Rosendo Salvado, Pastoriza, a rúa do Olvido e o aparcadoiro do estadio de San Lázaro.

Compartir: