PLENO

O Goberno local someterá mañá ao Pleno a aprobación inicial do Regulamento do Consello Municipal de Turismo

20/01/2016 O Pleno da Corporación debaterá este xoves, na sesión ordinaria de xaneiro, unha proposta da concelleira delegada de Turismo, Marta Lois, relativa á modificación do regulamento do Consello Municipal de Turismo. Esta actualización é o paso previo para reactivar o órgano, no marco dun proceso de definición do vindeiro Plan Estratéxico de Turismo 2016-2021.

O Consello Sectorial de Turismo foi creado no ano 2008 coma un "instrumento de diálogo, colaboración e asesoramento da política turística municipal, como un órgano de participación e debate no proceso de toma de decisións da política turística local". Nel estaban representados os grupos municipais, a Cámara de Comercio, Hostalería Compostela, a Universidade de Santiago, Turismo de Santiago-Incolsa, a Dirección Xeral de Turismo da Xunta, a Concellería de Turismo, o Centro de Estudos Turísticos da USC, o Consello Municipal da Cultura do Concello de Santiago, os guías turísticos e tres expertos na materia.

A proposta que se vai debater no Pleno de mañá pasa, ademais de mudar a denominación do órgano pola de Consello Municipal de Turismo e Cidade, por ampliar a súa composición, para incorporar a un representante da Fundación Catedral, un responsable do Plan de Xestión da Cidade Histórica actualmente en elaboración, representantes da actividade comercial, da actividade congresual e do turismo idiomático, e da Cidade da Cultura. A proposta de modificación do regulamento tamén procura unha composición equilibrada entre homes e mulleres.

Con esta modificación do regulamento, o Goberno local quere dar o primeiro paso para reactivar o Consello Municipal de Turismo e Cidade, que se reuniu por última vez o 30 de xuño de 2010 e que ao longo destes oito anos só celebrou catro xuntanzas. A concelleira delegada de Turismo, Marta Lois, entende que este órgano consultivo e de participación debe xogar un papel fundamental na definición do modelo turístico de Compostela e na elaboración do Plan Estratéxico de Turismo 2016-2021, que conducirá as políticas ata o vindeiro Ano Santo.

Renovación do Padroado da Fundación Refuxio de Animais
Tamén co obxectivo de fomentar a participación, a concelleira de Benestar Animal levará ao Pleno de mañá unha proposta para o nomeamento de novos membros colaboradores da Fundación Refuxio de Animais. Segundo o regulamento de 2006, que non foi renovado, o Padroado está presidido polo alcalde, exerce como vicepresidente o concelleiro que teña delegadas as competencias relativas ao Refuxio de Bando, e exercen como vogais un representante por cada grupo da Corporación, ata dez persoas elixidas polo Pleno entre as designadas previamente como membros colaboradores, e un representante por cada un dos concellos membros da Fundación.

Dende 2006 non se actualizaron os membros colaboradores, malia a que os estatutos sinalan que os patróns serán renovados cada catro anos. Por todo iso, a edil Noa Morales propón a renovación dos membros colaboradores do Padroado da Fundación, e que neste proceso sexan tidas en conta as asociacións e grupos non profesionais que traballan no ámbito do benestar animal. En concreto, a concelleira pedirá que no Padroado da Fundación estean representadas as Asociacións SOS Animalia, Abeiro e Argo.

Proxecto Smarter Together
O Goberno municipal tamén someterá ao Pleno a participación de Santiago no
Smarter Together, un proxecto europeo dotado con máis de 25 millóns de euros na convocatoria 2015-2020. Compostela participaría na iniciativa baixo a figura de "Follower", xunto con Venecia e Sofía, de xeito que aprendería das experiencias das tres cidades líderes do proxecto ou "Ligthouse": Lyon, Munich e Viena. Por último, participarían dúas cidades observadoras de fóra da Unión Europea: Kiev e Yokohama.

Santiago, como cidade seguidora, terá a oportunidade de participar para mellorar o deseño da súa propia estratexia de cidade nas cinco áreas que conforman o proxecto: laboratorios urbanos para a participación cidadá, sistemas de calefacción de barrio e enerxías renovables, rehabilitación enerxética global de equipamentos urbanos, plataformas de datos e servizos intelixentes vinculados a un concepto de Smart City e solucións de e-mobilidade para acadar unha mobilidade sostible.

A participación de Santiago reportaríalle 305.000 euros, dos cales 200.000 serían para o Concello e 100.000 para a Fundación FEUGA. Ademais Compostela tería acceso á base de coñecemento creada durante o proxecto.

Por último, no Pleno deste xoves debaterase a aprobación definitiva do Regulamento da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico, logo de que fora rexeitada a única alegación presentada ao texto.

Compartir: