ESPAZOS CIDADÁNS

O concelleiro de Espazos Cidadáns reúnese cos responsables de Cogami

20/01/2016 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, vén de reunirse con representantes da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, para falar de políticas de accesibilidade. O edil presentoulle ao presidente de Cogami, Anxo Queiruga, tres iniciativas nas que está traballando o seu departamento. Trátase, en concreto, da elaboración dunha nova Ordenanza de Accesibilidade, da redacción dun Plan de Accesibilidade Universal dos edificios de uso público e as rutas que os unen, e o deseño dunha proposta de ordenanza tipo de urbanización desde o punto de vista da accesibilidade, para incorporar en todos os proxectos de obra.

Na reunión, Cogami amosouse moi interesado na elaboración dese Plan de Accesibilidade Universal do Concello de Santiago. Anxo Queiruga propuxo, para ese fin, a colaboración da Área de Accesibilidade da Confederación, que empezou a funcionar en 2004. Este departamento poderíase encargar de realizar tarefas de asesoramento para garantir a accesibilidade de todas as persoas, sen exclusión, aos edificios, o transporte público e mesmo os servizos que presta o Concello. Tamén faría achegas sobre produtos de apoio, ergonomía e supresión de barreiras, sempre co obxectivo último de que as contornas de Compostela teñan un deseño acaído para toda a veciñanza.

O Plan de Accesibilidade Universal tería como finalidade darlle cumprimento á Lei de Accesibilidade da Xunta,a aprobada en decembro de 2014 co obxectivo de "garantir o dereito á igualdade de oportunidades e de trato das persoas con discapacidade en igualdade de condicións respecto do resto de cidadáns e cidadás, a través da promoción da autonomía persoal, da accesibilidade universal, do acceso ao emprego, da inclusión na comunidade e a vida independente e da erradicación de toda forma de discriminación".

Jorge Duarte aproveitou a xuntanza para coñecer un pouco máis polo miúdo a representación que Cogami ten en Compostela. Neste sentido, Anxo Queiruga explicou que a Confederación ten a súa sede central na capital galega, na rúa Modesto Brocos, e dende ela atende anualmente a unhas 4.000 persoas, ás que lles ofrece información, asesoramento, orientación laboral, formación ou mesmo achegas para o seu tempo de lecer. Ademais, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade ten operativas en Santiago sete iniciativas empresariais sen ánimo de lucro, nas que traballan unhas 150 persoas.

Compartir: