TURISMO

O alcalde presenta en Fitur a oferta turística de Santiago de Compostela

20/01/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presentou en Fitur as liñas mestras da oferta turística de Santiago no 2016. A principal aposta de Turismo de Santiago será a gastronomía, pero tamén se porán en valor os múltiples atractivos da cidade: Camiño de Santiago, Cultura, Patrimonio, Natureza, Universidade, Cidade de Congresos…

Por primeira vez, a cidade contará cun calendario fixo de actividades e eventos baixo a marca Compostela Gastronómica. Este calendario fixouse a partir do intercambio de ideas e experiencias coa Asociación Hostalería Compostela e o sector. O obxectivo é que a cidade conte cun calendario permanente de actividades e eventos gastronómicos, especialmente fora de temporada alta e baseados no produto local, que permitan atraer ás persoas interesadas na gastronomía.

A nova aposta de Turismo de Santiago pasa por desenvolver e impulsar eventos que promocionen produtos e costumes propios de cada temporada, creando un calendario estable de actividades que teñan á gastronomía como pretexto fundamental, pero que vaian moito máis alá, unindo gastronomía, tradición e cultura. Así haberá actividades en todas as estacións, facendo de Santiago un destino aberto todo o ano, aproveitando ademais que este ano a Porta Santa estará aberta por motivo do Ano da Misericordia.

O calendario de Compostela Gastronómica comeza no último fin de semana de xaneiro, co Entroido Gastronómico e de Turismo Rural dos Xenerais da Ulla, onde restaurantes e casas de Turismo rural de Santiago e set municipios dos arredores ofrecerán menús con pratos típicos do Entroido galego. Na primeira quincena de marzo impulsará a Festa das Uñas de San Lázaro, considerada por moitos como a festa gastronómica máis antiga de Galicia, pero que nunca recibiu un impulso turístico decidido.

En Semana Santa nacerá un novo programa, Santiago Larpeiro, que xirará arredor dos doces típicos destas datas, poñendo así por primeira vez o aceno na tradición doce de Santiago. En maio, xa pasadas as festas da Ascensión, a marca Compostela Gastronómica incluirá novas actividades gastronómicas vinculadas coa saúde e os hábitos de vida e alimentación saudables.

A finais de xuño e comezos de xullo, respondendo a unha demanda tradicional do sector, desenvolverase unha nova actividade gastronómica, baseada na celebración dunha das noites do ano máis especiais en Santiago, a noite de San Xoán. O obxectivo é aproveitar toda a maxia de San Xoán para promover un evento que una a gastronomía típica destas datas, a música e o baile tradicional, e tamén a artesanía local.

Xa en novembro, unha vez rematada a temporada turística alta na cidade, apostarase de novo por unir Santiago(é)tapas con Cineuropa, tal como se fixo por primeira vez no pasado 2015, aproveitando ademais que este ano o certame de cine cumpre xa 30 anos. Finalmente, no Nadal, Turismo de Santiago continuará co apoio que comezou neste pasado decembro ao Camiño das Burbullas. Ruta dos Escumosos Galegos, que permite descubrir os mellores escumosos galegos.

Na súa presentación, o alcalde tamén destacou a importancia para a cidade a celebración dunha nova edición do Womex, que terá lugar entre o 19 e o 23 de outubro. Trátase dun evento que permitirá afianzar a Santiago como referente na difusión cultural e turística a través das músicas do mundo. Pola súa dimensión e proxección mundial, Womex é un exemplo da capacidade de Santiago para acoller grandes eventos. Santiago é a única cidade de menos de 200.000 habitantes que acolleu o Womex nos seus 21 años de existencia.

O alcalde tamén foi o encargado de presentar os atractivos de Área Santiago en representación dos 16 concellos próximos a Santiago que traballan conxuntamente na promoción turística dos seus territorios. Martiño Noriega destacou que o grupo continuará traballando para consolidar o traballo feito ata o momento, posicionando a Área Santiago como un destino cun amplo abano de atractivos, que paga a pena visitar en calquera época do ano.

Área Santiago continuará afondando en catro eixos estratéxicos, que unen aos 16 concellos. O Camiño de Santiago, que nos últimos quilómetros das súas distintas rutas percorre os concellos do Grupo; a pesca e o turismo fluvial, poñendo en valor a riqueza dos ríos Ulla e Tambre, dous dos mais importantes de Galicia; o desenvolvemento dunha oferta de paquetes e excursións para poñer en valor os múltiples recursos dos concellos, moitos dos cales son pouco coñecidos; e o turismo gastronómico e enoturismo, apoiándose na extensa oferta da zona, con produtos de temporada de gran calidade.

Renfe e reunións de promoción
Aproveitando a celebración de Fitur, Turismo de Santiago, a Asociación Hostalería Compostela e Renfe reforzarán a súa estratexia de colaboración renovando o seu convenio de colaboración co obxectivo de aumentar o número de turistas que chegan a Santiago en tren. O convenio contempla, entre outras actividades: accións de comunicación conxunta, colaboración en viaxes de prensa, intercambio de canles e soportes de promoción e difusión, colaboración en accións de marketing, participación en campañas de promoción turística conxunta...

Turismo de Santiago desenvolverá tamén unha ampla axenda de reunións, co obxectivo de continuar coa internacionalización da demanda turística da cidade. Neste sentido, terá reunións cos directores das OETs dos principais mercados internacionais da cidade, como París, Milán, Roma, Munich, Dublín, Lisboa, Sao Paulo, Miami, Chicago, Toronto ou Tokio.

Compartir: