ACCIÓN CULTURAL

O alcalde informa á Valedora das liñas estratéxicas de atención ás persoas sen teito

07/01/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, reuníronse hoxe coa Valedora do Pobo, para darlle conta das actuacións emprendidas polo Concello en relación á situación das persoas sen teito. Foi unha xuntanza solicitada por Milagros Otero, a raíz da queixa presentada ante a Valedora polas asociacións Compostela Monumental e Cidade Vella. O rexedor aproveitou a reunión para insistir en que "a situación das persoas sen fogar é unha prioridade política para o Goberno de Santiago, que quere buscar solucións pensando primeiro dende a óptica do social".

Nesa liña, o alcalde e a concelleira de Políticas Sociais lembráronlle a Milagros Otero un informe do Valedor do Pobo do ano 2010 sobre as persoas sen fogar en Galicia, que di textualmente que as administracións "fanlle fronte á inundación sen cerrar a billa da auga. Existe preocupación polo paliativo, sen ter en conta a prevención. O correcto sería levar a cabo unha política de prevención unida a unha política de atención directa ás persoas sen fogar, ben é certo que non se trata dun problema sinxelo".

Colaboración entre administracións
Martiño Noriega e Concha Fernández pedíronlle á Valedora do Pobo que se implique para buscar solucións á situación das persoas sen teito, e que involucre ás outras administracións. O alcalde e a concelleira entenden que "é imprescindible a coordinación entre o Concello, a Xunta e a Deputación, que se materialice en proxectos como un centro de atención 24 horas". Este proxecto aparece recollido na moción presentada por Compostela Aberta e aprobada por unanimidade polo Pleno da Corporación municipal de Santiago o pasado 9 de novembro de 2015.

Equipos de rúa e pisos de saída
O alcalde e a concelleira de Políticas Sociais explicáronlle á Valedora do Pobo o funcionamento do equipo de intervención de rúa que o Concello puxo en marcha en colaboración con Cruz Vermella, e que en pouco máis de 15 días conseguiu contactar con 40 persoas sen teito da cidade, das que 28 están identificadas e con contacto regular. O equipo de Cruz Vermella realiza saídas diarias de luns a xoves, en horarios diúrno e nocturno e con catro rutas distintas pola cidade. O seu obxectivo é establecer o primeiro contacto coas persoas sen teito, para informalas dos recursos aos que poden acceder para mellorar a súa situación e acompañalas nun proceso de inclusión social. Os voluntarios encárganse de explicarlles a estas persoas que poden pasar as noites en pensións coas que o Concello está a colaborar en materia social, e que nun futuro próximo poderán facelo tamén nas tres vivendas de transición que vai habilitar o Concello. Nestes pisos, que estarán xestionados por Feafes-Galicia, as persoas que o precisen poderán ver cubertas as súas necesidades básicas de aloxamento, alimentación, hixiene e atención médica, así como acceder a recursos para a súa rehabilitación psicosocial e laboral.

Na xuntanza con Milagros Otero, Martiño Noriega tamén deu conta da celebración das distintas mesas de traballo para o estudo da situación das persoas sen teito que vén convocando a Concellaría de Políticas Sociais. Ata agora celebráronse xa seis xuntanzas, nas que participaron entidades como a Rede Galega contra a Pobreza, Cruz Vermella, Feafes-Galicia, o Albergue de Xoán XXIII, a Cociña Económica o Colexio Oficial de Traballo Social, ou o Colexio Oficial de Psicoloxía. Tamén estiveron representadas as distintas áreas do Concello dedicadas ao benestar social, a Policía Local e traballadores do CHUS.

Por último, o alcalde lembroulle á Valedora que a Corporación municipal aprobou por unanimidade unha moción presentada polo grupo municipal de Compostela Aberta para poñer en marcha este programa de atención integral ás persoas sen fogar, e para instar a outras administracións a que se corresponsabilicen na abordaxe desta problemática.

Compartir: