ALCALDÍA

Martiño Noriega expresa a vontade de actualizar o convenio entre o Concello e a USC coa finalidade de efectivamente cumprilo

07/01/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, reuniuse co reitor da USC, Juan Viaño, para dar un repaso a varios temas pendentes que implican ao Concello e á institución académica. Así, falaron sobre o convenio de mantemento entre a Administración local e a USC, da futura Facultade de Medicina ou da operación de Galeras no espazo do antigo hospital provincial.

Sobre o convenio que veñen mantendo o Concello e a US -que recolle determinadas vantaxes fiscais e compromisos municipais en canto ao mantemento de viarios, equipamentos e zonas públicas do Campus Vida- Martiño Noriega expresou a vontade de "actualizalo", coa finalidade de cumprilo de forma efectiva. Nese sentido, lembrou que o grao de cumprimento municipal deste convenio nos últimos anos foi "escaso". Ademais, e á espera dun novo protocolo, alcalde e reitor falaron da necesidade de solucionar deficiencias en cuestións coma o mobiliario ou a iluminación.

O rexedor municipal tamén se mostrou favorable a facilitar a aplicación técnica da modificación da ordenanza urbanística que afectaba á área de Galeras, que xa fora aprobada en Pleno, sempre tendo presente a importancia desta peza urbanística nunha "zona sensible" da cidade. En calquera caso, recordou que o desenvolvemento urbanístico desta parcela (do antigo hospital provincial) segue pendente de que a USC concrete unha operación coa iniciativa privada.

A xuntanza tamén serviu para falar sobre a futura sinatura do protocolo que impulsará a construción da nova Facultade de Medicina nunha parcela a carón do CHUS.

Compartir: