NADAL

Todo listo para a Cabalgata de Reis máis participativa e popular, dedicada este Nadal á música infantil galega

04/01/2016 O Concello ultima os detalles para que na tarde-noite deste martes, 5 de xaneiro, todo transcorra con normalidade e diversión na Cabalgata de Reis. Este ano, a celebración será máis participativa que nunca e estará dedicada á música infantil galega. Un bo número de nenos e nenas será parte activa da Cabalgata, como paxes, integrantes do tren ou como integrantes da animación que acompañará a varias carrozas.

Esta Cabalgata temática terá un valor engadido, por canto recoñecerá o labor e contribución da música infantil galega na dinamización lingüística e na formación e educación do novo público dentro do espazo cultural galego. Así, o protagonismo da música non rematará coa súa presenza durante todo percorrido nas carrozas, senón que, ao chegar a comitiva ao Obradoiro, programouse na praza un gran festival infantil galego.

Actuarán María Fumaça, Paco Nogueiras, Magín Blanco coa Nena e o Grilo, Pablo Díaz, Xoán Curiel e Mamá Cabra. Presentarán o espectáculo os coñecidos actores Pepablo Patinho e Montse Piñón, de Teatro dos Ghazafelhos. A animación que acompañará as carrozas destes artistas preparouse en obradoiros previos nos centros socioculturais de Fontiñas, Santa Marta, Vite e O Castiñeiriño. Nenos e adultos participarán así activamente na Cabalgata.

Logo dun sorteo, tamén participarán no percorrido, pero como paxes, nove rapaces. Outro grupo de nenos e nenas irán no tren que pechará a comitiva.

Percorrido
O percorrido que seguirán os Reis Magos é o de todos os anos: Chegarán á estación do tren ás 17:25 horas e dende alí, media hora máis tarde, sairán cara Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, praza de Galicia, Senra, Porta Faxeira, rúa do Vilar, Xelmírez e Praterías, para rematar na praza do Obradoiro.

Bos desexos
Este ano, na Cabalgata de Reis non só se repartirán caramelos, senón tamén bos desexos. Así, nos centros socioculturais de Conxo, Vite, Fontiñas, Santa Marta, A Trisca e algún máis preparáronse unhas tarxetas para poder escribir desexos que este martes se repartirán entre a xente durante o percorrido.

Dispositivo de tráfico
Con motivo da Cabalgata, a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia adoptará diversas medidas para ordenar o tráfico. Así, a partir das 14:00 horas, quedará prohibido o estacionamento na explanada da estación do ferrocarril, lugar de concentración da comitiva da Cabalgata de Reis. Unha hora despois, a partir das 15:00 horas, a prohibición de estacionamento trasladarase ás rúas incluídas no itinerario da Cabalgata: Santiago de Chile (tramo comprendido entre A Rosa e Frei Rosendo Salvado), Frei Rosendo Salvado (tramo entre Santiago de Chile e Praza Roxa), República do Salvador e Hórreo (tramo que vai dende República do Salvador ata a praza de Galicia). Nas rúas citadas produciranse cortes temporais de tráfico de acordo co paso da Cabalgata.

Ademais, recoméndase aos condutores que eviten circular pola avenida de Lugo durante o inicio da Cabalgata (que ten prevista a súa saída ás 18:00 horas da estación de ferrocarril), polos cortes que se producirán á altura do Hórreo e na rotonda da Pontepedriña, empregando como alternativa para atravesar a cidade o túnel do Hórreo. Recoméndase igualmente, na medida do posible, evitar circular polo centro urbano ao longo da tarde deste martes.

Propóñense varios desvíos alternativos durante estas horas:

- Dende a rúa Doutor Teixeiro, pola praza de Puente Castro, a rúa da Rosa, a rúa Antonio Casares e avenida de Lugo, ou ben polo Hórreo e avenida de Lugo.

- Dende Vista Alegre-Salvadas, en dirección ao Campus Sur e á estrada de Noia (C-543), polas rúas Poza de Bar e San Lourenzo.

- Dende os vieiros procedentes de Ourense e da Estrada, en dirección á zona sur -estradas de Pontevedra (N-550) e Noia (C-543)-, pola zona do Castiñeiriño, a través do vieiro Santiago de Cuba e a través do cuarto xiro de Cornes, para así incorporarse ao periférico e dende alí ás estradas referidas.

Recoméndase igualmente aos condutores que circulen dende a zona sur ao norte da cidade (e viceversa) que, na media do posible, circulen pola AP-9, xa que o periférico, no tramo de saída próximo á estación de ferrocarril, resultará afectado pola cabalgata.

As liñas do transporte urbano que circulan polo percorrido sufrirán durante o paso das carrozas pequenas alteracións das que se dará conta a través dos paneis informativos.

O Departamento de Medio Ambiente e Convivencia prega aos cidadáns que respecten estas indicacións e desculpen as molestias que estes cortes lles poidan ocasionar. Así mesmo, a Policía Local e Protección Civil piden que se sigan as súas indicacións.

Direccións relacionadas



Compartir: