ALCALDÍA

O alcalde felicita o Nadal aos representantes da cidadanía compostelá

22/12/2015 O alcalde de Santiago presidiu a recepción cidadá que tradicionalmente se celebra no Pazo de Raxoi nas xornadas previas ao Nadal. Martiño Noriega quixo trasladarlles os seus mellores desexos para estas datas e para o novo ano ás ducias de persoas que acudiron ao acto: representantes da veciñanza, de colectivos empresariais, de entidades culturais, da Igrexa ou da Universidade. Ademais, o alcalde comprometeuse a "manter abertas as liñas de diálogo e colaboración cos distintos sectores da veciñanza, recuperar a súa confianza despois de anos convulsos e darlles protagonismo na construción do relato de cidade".

Na recepción estiveron representados os catro grupos da corporación. Por Compostela Aberta asistiron, ademais do rexedor, a tenente de alcalde, María Rozas; a voceira, Marta Lois; e os concelleiros Jorge Duarte, Xan Duro e Concha Fernández. Do PP asistiron Alejandro Sánchez Brunete, Claudio Montiel e Pepa Castro; do PSOE Gonzalo Muíños e Milagros Castro; e do BNG o seu voceiro, Rubén Cela, e Goretti Sanmartín.

No acto participaron membros de diferentes asociacións de veciños como as de Pontepedriña, Santa Marta, A Almáciga, Amigos de San Pedro ou o Camiño Francés, entre outras. Tamén estiveron representados outros colectivos como a Asociación de Viúvas de Compostela, a Federación Autismo de Galicia, Fademga, ou Cogami. A Cruz Vermella, Unicef, ou Cáritas foron outras das entidades participantes na recepción cidadá, á que tampouco faltaron representantes dos colexios profesionais de Avogados, Aparelladores, Arquitectos Técnicos ou Traballadores Sociais. Do mundo da cultura, asistiron membros da Real Academia de Belas Artes, o Padroado do Museo do Pobo Galego, a Fundación Granell e o Ateneo, así como a xerente da Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño. A Igrexa estivo representada polo deán da Catedral, Segundo Pérez, e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo; e da Universidade asistiron varios vicerreitores e decanos.

Compartir: