NADAL

O Palacio de Congresos de Santiago acolle "Diver Nadal" do 26 ao 30 de decembro

22/12/2015 O Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago abre as súas portas do 26 ao 30 de decembro para ofrecer unha nova edición de Diver Nadal, un espazo onde as familias poderán gozar cos máis peques da casa (ata os 12 anos).

En horario de 16:30 a 20:30 horas, será posible descubrir un formato novo de lecer para este Nadal. Un espazo de participación familiar e creador dun ambiente de socialización e aprendizaxes, cun programa integrador e globalizador, onde o paradigma educacional é o de aprender a aprender e aprender facendo.

Haberá actividades libres e outras dirixidas por monitores especializados en educación e cunha ampla experiencia, que impartirán os diferentes talleres: repostería de Nadal, artes escénicas, teatro e clown, pintacaras, artes plásticas, cantabaila, puntería...

Entre as actividades libres destacan os inchables, as consolas, o xogo simbólico ou a zona baby para os máis pequenos da casa. Pero haberá moitas outras sorpresas.

O prezo da entrada é 5 euros para os nenos e de 2,5 euros para os adultos. A entrada dá dereito a todos os servizos dentro do espazo.

Compartir: