DEPORTE

A San Silvestre deste 2015 terá a saída e a chegada na praza do Obradoiro

22/12/2015 O Concello de Santiago organiza xunto coa Federación Galega de Atletismo a III Carreira San Silvestre de Santiago de Compostela, que terá lugar o vindeiro 31 de decembro ás 18:15 horas. Esta proba continúa co labor de concienciación da Concellaría de Deporte sobre os beneficios que a actividade física regular provoca na mellora da calidade de vida dos nosos cidadáns e cidadás.

Este ano, a principal novidade pasa polo percorrido, que comeza e remata na praza do Obradoiro. Irase logo pola rúa Fonseca, rúa do Vilar, paseo dos Léons, paseo da Ferradura, paseo central da Alameda, avenida Xoan Carlos, rúa da Senra, praza de Galicia, Fonte de Santo Antonio, Tránsito da Mercé, Ensinanza, Virxe da Cerca, Porta do Camiño, Casas Reais, praza de Cervantes, Azabachería, Casa das Crechas, rúa San Paio de Antealtares, praza de Feixóo, Conga, Xelmírez, rúa Nova, praza do Toural, rúa do Vilar, Fonseca e praza do Obradoiro.

De momento hai case 600 inscritos, aínda que dende a organización estímase que serán moitos máis. Na rolda de prensa de presentación da proba, a concelleira de Deportes, Noa Morales, estivo acompañada do delegado da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín e dos atletas Pedro Nimo e Raquel Suárez. Ambos lembraron "a importancia desta proba para que na nosa cidade haxa a posibilidade de despedir o ano correndo e non ter que acudir a probas noutros lugares como Madrid".

O percorrido deste ano é de 4 quilómetros, tanto para escolares como para adultos. Para os primeiros a inscrición é gratuíta, mentres que os adultos terán que aboar 6 euros. A inscrición remata o próximo luns 28 de decembro.

Direccións relacionadas



Compartir: