EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O IES Eduardo Pondal gaña o programa para escolares Aula de Patrimonio co traballo "Compostela Intercultural e Patrimonial"

22/12/2015 O IES Eduardo Pondal foi o elixido para representar aos centros de ensino de Educación Secundaria de Santiago no programa Aula de Patrimonio, organizado polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

A comisión de valoración estivo formada polo concelleiro de Educación, Manuel Dios; o profesor de Ciencias da Educación, Xesús Fernández Rodríguez; o xefe do Departamento de Educación do Concello, Xosé Manuel Rodríguez-Abella e a pedagoga e técnica de Educación e Cidadanía, Beatriz Varela.

Foron tres os centros que presentaron traballos a esta edición, baixo o tema "As cidades Patrimonio da Humanidade, cidades de convivencia, respecto e interculturalidade". Estamos a falar dos alumnos e alumnas de 3º da ESO do IES Eduardo Pondal -o centro gañador-, o alumnado de 3º da ESO do IES Arcebispo Xelmirez I e os alumnos e alumnas de 1º da ESO do CPRI San Pelayo-Emma.

A comisión de valoración salientou o carácter inclusivo da proposta gañadora, na que se fai o esforzo por combinar persoas de diferentes colectivos e asociacións da cidade, así como os propios estudantes participantes, que se involucran con funcións e traballos diversos.

Tívose en conta o esforzo de difusión que se pretende dar ao traballo, a través de diferentes recursos: blog, entrevistas, gravacións e percorridos didácticos. Tamén a diversidade de propostas que incorporan, a través do uso de novas tecnoloxías para a interpretación do patrimonio. Por outra banda, tómase en consideración a interculturalidade como eixo vertebrador das diferentes propostas e formatos, a través da imaxe e da literatura.

Compartir: