FESTAS

Segue aberta a inscrición para poder acompañar as carrozas da música infantil galega na Cabalgata de Reis

22/12/2015 Os obradoiros para poder acompañar as carrozas musicais da Cabalgata de Reis deste Nadal en Santiago de Compostela comezarán xa a finais desta semana. Para poder participar, é necesario que tanto nenas e nenos como adultos interesados se inscriban poñéndose en contacto canto antes cos diferentes centros socioculturais do Concello onde se van impartir os obradoiros.

A Cabalgata deste Nadal na capital galega está dedicada á música infantil galega. No percorrido polas rúas da cidade o 5 de xaneiro, haberá varias carrozas musicais, nas que irán Paco Nogueiras, A Nena e o Grilo, Pablo Díaz, María Fumaça, Mamá Cabra ou Xoán Curiel. Pero non irán eles sos. A Cabalgata quere ser participativa e por iso están xa preparados varios obradoiros, que se impartirán dende finais desta semana para todas aquelas nenas e nenos maiores de 5 anos e persoas adultas que queiran ir acompañando as súas músicas e músicos favoritos.

En concreto, este sábado 26 de decembro terá lugar xa o primeiro dos obradoiros, e será de animación para todas aquelas persoas que desexen acompañar a Paco Nogueiras na Cabalgata. O obradoiro impartirase no Centro Sociocultural de Fontiñas e para inscribirse é necesario pasar polo centro antes deste venres ou chamar ao 981 528 750 para reservar praza.

O seguinte obradoiro será o martes 29 e o mércores 30 de decembro no Centro Sociocultural de Conxo. Tratarase dun obradoiro de elaboración de faroliños e reloxos para acompañar a carroza de Pablo Díaz. A inscrición debe facerse tamén canto antes chamando ao teléfono 981 528 740 ou pasando polo CSC.

Tamén o martes 29 de decembro realizarase no Centro Sociocultural de Santa Marta o obradoiro para acompañar á Nena e o Grilo na súa carroza. A inscrición realízase pasando polo centro ou chamando ao teléfono 981 543 017.

Ao día seguinte, mércores 30, no Centro Sociocultural de Vite, celebrarase o obradoiro para acompañar na Cabalgata a María Fumaça. A inscrición, chamando ao teléfono 981 542 490.

O último obradoiro será o sábado 2 de xaneiro no Centro Sociocultural do Castiñeiriño, con Teatro Os Quinquilláns, para preparar a animación da Cabalgata "A fábrica da música". Para inscribirse neste é necesario pasar por este CSC ou chamar ao teléfono 981 542 459.

Compartir: