LINGUA

Sacaúntos, Lila de Lilith e Imaxin, distinguidas no XVI Premio Manuel Beiras

17/12/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, Evaristo Rodríguez, deron a coñecer este xoves en rolda de prensa o nome dos gañadores do Premio Manuel Beiras. Sacaúntos Cooperativa Gráfica, a libraría de mulleres Lila de Lilith e Imaxin Software foron as empresas galardoadas nesta décimo sexta edición. A entrega de distincións celebrouse pola tarde na propia Cámara de Comercio.

O alcalde destacou a posta en valor e implicación de diversos sectores da cidade que compuxeron o xurado dun premio que recibe o nome de Manuel Beiras, "un picheleiro de pata negra" dedicado ao comercio compostelán e á defensa da lingua galega. Ademais, Noriega louvou a dedicación da Cámara, en concreto do seu vicepresidente Evaristo Rodríguez, na reivindicación e activismo a favor da cultura e lingua galegas. Este tamén tomou a palabra para resaltar o valor simbólico duns premios consolidados e distinguidos cunha escultura realizada expresamente para o certame por Acisclo Manzano.

Na categoría de empresas cun uso continuado do galego resultou gañadora a firma Sacaúntos, Cooperativa Gráfica, creada en 2008 e situada na rúa do Avío, que oferta servizos de deseño gráfico e web e impresión en gran e pequeno formato. Realizan libros, revistas, tarxetas de visita, cartaces para exterior, lonas de grande formato ou papelaría corporativa, ademais de deseñar logotipos, webs ou facer ilustración e infografismo. O xurado considerou que o seu compromiso co galego maniféstase nos seus usos orais e en todas as súas manifestacións escritas, tanto interna como externamente, e en proxectos propios. Ademais, valorou a súa visión da lingua dende unha estratexia internacional e de converxencia coa lusofonía.

Na categoría de nova incorporación ao galego alzouse co recoñecemento Lila de Lilith. Aberta en 2011 pola educadora social e posgraduada en estudos de xénero Patricia Porto, a libraría sitúase na rúa Travesa de Santiago. Nace dun proxecto con máis 15 anos de andaina enfocado na igualdade dende a educación. É unha libraría de mulleres, feminista, que aporta bibliografía de mulleres autoras, especialmente en narrativa, poesía, infantil, banda deseñada e ensaio en temas especializados e cruzados coa perspectiva de xénero: economía, saúde, sexualidade, historia, etc. Ademais, a libraría conta con produtos de artesanía e organiza eventos relacionados cos libros e a cultura en xeral. Comparte espazo físico con outra libraría, Ciranda, especializada en portugués.

Para Lila de Lilith, o galego é a lingua oficial en todas as canles de comunicación, tanto na escrita como na comunicación oral, e o xurado destacou o uso do galego na atención ao público e na súa comunicación pública. Tamén fan en galego a publicidade en redes sociais.

E o xurado acordou conceder a distinción especial do Premio Manuel Beiras a Imaxin, empresa dedicada dende 1999 ao desenvolvemento de tecnoloxías lingüísticas e xogos educativos multimedia. Coa súa sede na rúa Salgueiriños de Abaixo, é unha empresa cunha ampla traxectoria na consultoría e no desenvolvemento de servizos e solucións de software. Tamén é a única firma galega que desenvolve software directamente para a multinacional americana Microsoft Corporation.

O xurado concede esta distinción ao ser Imaxin unha firma pioneira na implementación de ferramentas e software relacionado coa lingua galega, e con especial destaque nos seus tradutores online, tanto en web como en proxectos específicos de ámbito internacional.

Distinción de Acisclo Manzano
Os galardoados recibiron unha distinción consistente nunha escultura creada polo artista Acisclo Manzano. Poderán amosar nos seus establecementos a posesión deste premio como unha garantía máis de que respectan o idioma galego. O acto de entrega de premios celebrouse na Cámara de Comercio de Santiago. Asistiron o alcalde, Martiño Noriega; o secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, e o vicepresidente cameral, Evaristo Rodríguez.

O xurado estivo presidido polo vicepresidente da Cámara de Comercio, Evaristo Rodríguez; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; Gregorio Ferreiro, da Secretaría Xeral de Política Lingüística; Carme Silva, da Universidade de Santiago de Compostela; Miguel López Crespo, da Unión de Consumidores de Galicia; Alba Marinha Souto, da organización en defensa do idioma Gentalha do Pichel; Fátima Rodríguez e María Traveso, de Promove Consultoría e Formación, empresa premiada na categoría de nova incorporación na anterior edición; José Bermúdez, en representación de Conxelados Xosé Bermúdez, empresa premiada na categoría de uso continuado en 2014; e Manuel González, en representación da Asociación Puntogal, distinguida tamén na anterior convocatoria co recoñecemento especial.

O nome do Premio Manuel Beiras é unha homenaxe a este galeguista polo seu apoio á lingua, ademais de pola súa actividade como comerciante compostelán. Recibiu a Medalla de Ouro da cidade pola súa contribución cultural, un exemplo de compromiso colectivo desde o sector socioeconómico.

Compartir: