ACCIÓN CULTURAL

A Orquestra e o Coro Gaos protagonizan a Gala Lírica da Asociación de Amigos da Ópera

17/12/2015 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; o presidente da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, Jesús Couceiro; e unha das vocais, María Pardal, presentaron esta mañá na Casa do Concello a Gala Lírica que a Asociación celebra este Nadal. Será o martes 22 de decembro, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia. Nela, poderemos escoitar á Orquestra e ao Coro Gaos, xunto á soprano Mariola Cantarero, o barítono Borja Quiza, e Margarita Guerra ás castañolas, todos dirixidos por Fernando Briones.

O programa que presentarán está composto por ópera e zarzuela, con obras na primeira parte de F. Lehar, V. Bellini, G. Donizetti e G. Rossini. A segunda parte contará con obras de G. Giménez, R. Soutullo, J. Vert, J. Serrano, F. Moreno Torroba, F. Alonso e M. Fernández Caballero, para rematar con fragmentos da coñecida La del manojo de rosas, de P. Sorozábal.

O prezo das entradas é de 10 euros e poden mercarse xa no despacho de billetes do Teatro Principal, no 902 434 443 e en entradas.abanca.com. Ademais, o día do concerto poderán comprarse tamén no propio Auditorio de Galicia.

Orquestra e Coro Gaos
A Orquestra Gaos naceu en abril de 2009, formada por músicos de toda Galicia, na súa maioría estudantes e profesores dos principais conservatorios galegos. A súa presentación tivo lugar o 14 de xullo de 2009 no Teatro Colón-Caixa Galicia da Coruña, baixo a dirección de Fernando L. Briones. En apenas tres anos colaboran coa orquestra máis de 250 músicos galegos en máis 25 programas diferentes, a través de 50 concertos nos principais auditorios e salas de concerto de Galicia; acompañan aos ganadores do Concurso Internacional de Piano "Cidade de Ferrol", nas súas edicións de 2009 e 2010; e participan na presentación do Xacobeo 2010 con Cristina Gallardo-Domâs, coa que gravan un CD con 14 temas galegos orquestrados por Juan Durán. En 2011 e 2012, a formación realiza unha xira de concertos polas catedrais de Galicia. Na súa cuarta tempada, a Orquestra Gaos actúa acompañada do guitarrista Mateo Arnáiz, do trompista David Fernández ou do contrabaixista Antonio Romeo.

O Coro Gaos nace en outubro de 2010 como continuación do proxecto da Orquestra Gaos. Está constituído por 55 voces e todos eles teñen unha ampla experiencia en diferentes coros da comunidade. O seu repertorio é principalmente a capella, aínda que tamén ten cabida a música sinfónico-coral.

Fernando L. Briones, director
Fernando L. Briones estudou guitarra no Conservatorio Superior de Música da Coruña, complementando con estudos de piano, composición, repertorio operístico e dirección de orquestra na ESMUC (Porto). Asistiu a numerosos cursos de dirección de orquestra con Salvador Mas, Jörg Bierhance no Konservatorium Wien University, Donato Renzetti e Dario Lucantoni na Accademia Musicale Pescarese e con Miguel A. Gómez Martínez, co que traballou como asistente. Forma parte do proxecto coral da OSG dende os seus comezos dirixindo, entre outros, o Coro Novo, co consegue varios premios en diferentes concursos nacionais. É director titular da Orquestra Gaos dende a súa creación. Actualmente compaxina a súa actividade coa dirección da Orquestra Sinfónica do Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

Compartir: