ALCALDÍA

O grupo Histagra da USC ultima un programa para conmemorar o 80º aniversario do inicio da Guerra Civil española

17/12/2015 O alcalde recibiu este xoves ao coordinador do grupo de investigación Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra), do Departamento de Historia Contemporánea da USC, Lourenzo Fernández Prieto, e a un dos membros do seu equipo, o investigador Antonio Míguez Macho. O grupo quería presentarlle a Martiño Noriega as actividades que están a organizar para conmemorar, en xullo do ano que vén, o 80º aniversario do comezo da Guerra Civil Española.

Lourenzo Fernández Prieto explicou que Histagra quere aproveitar a efeméride para "construír un novo relato para a Guerra Civil, para botar á historia, que non ao esquecemento, o pasado incómodo que todos sabemos que temos". A intención do grupo de investigadores da Universidade de Santiago é organizar un congreso de carácter internacional, que vaia acompañado por actividades abertas á cidadanía.

Entre as propostas que aínda se están perfilando figuran exposicións, actividades cos centros de ensino, ciclos de cine, conferencias abertas coas personalidades que participen no Congreso, ou roteiros polos "lugares da memoria". As actividades estarán enfocadas desde a óptica compostelá. O coordinador de Histagra entende que "hai que situarse na Compostela do 18 de xullo de 1936 e entender, por exemplo, que de non ser pola Guerra Civil, as Marías non serían as Marías, senón simplemente as irmás Fandiño, dúas costureiras sen máis".

Histagra ten xa practicamente pechada a participación de tres expertos de gran renome no Congreso. Trátase de Pablo de Greiff, relator especial de Nacións Unidas para o fomento da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición, experto na Guerra Civil española pero tamén noutros casos como os de Uruguai ou Palestina; Beatriz Sarlo, xornalista e escritora arxentina experta en temas de xenocidio; e Ben Kiernan, director do Centro de Estudos sobre Xenocidios da Universidade de Yale.

O alcalde explicou que nos próximos meses pecharase a posible colaboración do Concello nesta celebración. Martiño Noriega sinalou que a cooperación se limitará ás actividades paralelas ao Congreso, coma os roteiros ou as conferencias abertas á cidadanía.

Compartir: