CULTURA

Compostela asocia o seu nome a unha nova colección literaria

17/10/2006 A Biblioteca Compostela de narrativa europea permitirá que catro obras de autores contemporáneos estean nas librarías traducidas ao galego. Este nova colección xorde da colaboración entre a Concellaría de Cultura e a editorial Galaxia, plasmada nun convenio ratificado polos seus titulares, Néstor Rego e Víctor Freixanes, respectivamente.

Grazas a esta iniciativa, sairán á rúa, antes de que remate o ano, tres novas obras, que se unen á da última gañadora do Premio Novela Europea do Casino de Santiago, Anna Gavalda, "Xuntos e máis nada". Os elixidos para esta ocasión son os últimos libros do británico Martin Amis, do italiano Andrea Camilleri e do alemán Daniel Kehlmann. En tres destes catro casos, as novelas publicaranse antes en galego que en castelán.

A Biblioteca Compostela nace con vocación de continuidade, co obxectivo de publicar catro obras europeas traducidas ao galego cada ano, un dos cales será o gañador do Premio Novela Europea. En principio, editaranse 2.000 exemplares de cada un dos libros. A colaboración económica do Concello de Santiago consistiría na adquisición de 300 exemplares da primeira edición de cada título editado, por un importe de 3.000 euros.

Compartir: