CONSORCIO

A Real Filharmonía celebra este venres o seu tradicional concerto de Nadal cunha selección de fragmentos do "Mesías" de Haendel

15/12/2015 A Real Filharmonía de Galicia celebra, como cada ano por estas datas, o seu tradicional concerto de Nadal, dedicado ao Mesías de Haendel, que nesta ocasión está financiado pola Obra Social La Caixa. A cita será este venres 18 de decembro, ás 21:00 horas, Auditorio de Galicia. Levará a batuta o mestre italiano Enrico Onofri. A orquestra acompañará as voces da soprano María Espada, da mezzosoprano Marina Comparato, do tenor Enrico Iviglia e do barítono Fulvio Bettini, xunto co Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, o Coro Novo da Sinfónica de Galicia e outros coros populares galegos. Será un concerto participativo, no que profesionais e afeccionados unirán as súas voces nesta experiencia musical.

Debido a que as entradas para o concerto xa están esgotadas, o público interesado poderá asistir de forma gratuíta ao ensaio xeral, que terá lugar o xoves, ás 20:00 horas, no Auditorio de Galicia, previa retirada de entrada no propio Auditorio antes do inicio do ensaio. Ademais, o concerto retransmitirase en directo por streaming a través da web da Real Filharmonía de Galicia (www.rfgalicia.org).

O compositor alemán Georg Friedrich Haendel (1685-1759) escribiu O Mesías en Londres en 1741, en tan só tres semanas. Aínda que tradicionalmente asóciase co Nadal, este oratorio non se centra unicamente no nacemento de Xesús, senón en toda a súa vida. Destaca pola súa monumentalidade en canto a duración e proporcións sonoras. Trátase dun texto en tres actos, divididos en escenas, sobre fragmentos do Antigo e do Novo Testamento, onde os coros teñen un protagonismo particular. Nesta obra, as voces, que requiren un virtuosismo extremo, posúen a elocuencia e a identidade dun personaxe máis.

Esta obra mestra é un referente ineludible da música de Haendel, do Barroco musical e da historia da música. A RFG tocará unha selección dos seus fragmentos máis coñecidos, entre eles "And the glory of the Lord", "Glory to God" ou o sublime "Hallelujah", no que Haendel combina texto e música creando un fastuoso son que representa o cume da obra. O concerto concluirá co apocalíptico "Amen", momento no que o coro se manifesta en todo o seu esplendor.

Voces profesionais e populares
O público poderá gozar con grandes voces internacionais, como a da soprano estremeña María Espada, formada con mestres do prestixio de Alfredo Kraus, e con tres voces italianas: a da mezzosoprano Marina Comparato, a do tenor Enrico Iviglia e a do barítono Fulvio Bettini. Ademais, contarase coa participación do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixido por Joan Company, fundado no ano 1998 e integrado por máis de 70 voces procedentes de toda Galicia. Tamén estará o Coro Novo da Sinfónica de Galicia, que se presentou ante o público por primeira vez en 2005, formado por mozas de entre 13 e 21 anos.

Xunto a estas voces profesionais, cantarán varios coros populares galegos. É o caso da Coral Alfaia, creada na cidade de Santiago no ano 2000 pola Asociación Sociocultural Alfaia; e do Coro La Antigua, constituído en 2008 na Coruña.

A batuta de Enrico Onofri
O mestre italiano Enrico Onofri levará a batuta do concerto. Despois da súa traxectoria como violinista, debuta como director de orquestra en 2002, con grande éxito e aplauso da crítica, sendo dende entón convidado a dirixir ensembles e orquestras por toda Europa, Xapón e América nos auditorios máis importantes do mundo. Moitas das súas gravacións recibiron prestixiosos galardóns internacionais, entre eles o Gramophone e o Diapason d’Or. Dende 2000 é profesor de violín barroco e interpretación de música barroca no Conservatorio Bellini de Palermo e imparte con regularidade clases maxistrais en Italia, Europa, Nova York e Xapón.

Compartir: