TURISMO

Santiago(é)Tapas entregou os seus premios

14/12/2015 O concurso Santiago(é)Tapas deu a coñecer os premiados da súa oitava edición. O acto de entrega de premios celebrouse no Teatro Principal, lugar no que se reuniron profesionais da hostalería compostelá, patrocinadores, xornalistas, membros do xurado e autoridades. Patricia de Lorenzo foi a encargada de conducir o evento.

O Premio do Xurado á Mellor Tapa 2015 correspondeulle a Ferro, pola tapa "Pata de vitela, castañas e Mexillón de Galicia". O premio está dotado con 500 euros.

O Primeiro Premio Tapa do Público ‘15 foi para a tapa "Costela de cabra da Mercé", do restaurante Siro González. O galardón conta con 1.000 euros de recompensa. Pola súa banda, El Bocalino, co "Chupachús de poldro galego con sementes de liño, patacas reixa e ameixas salvaxes"; e Lusco & Fusco, con "Torta de queixo do Cebreiro con base de noces, mel e figos", conseguiron o Segundo e Terceiro Premio de Tapa do Público ’15 , con 800 e 500 euros de premio respectivamente.

O Premio do Xurado á Tapa que mellor marida con Estrella Galicia 2015 foi para A Curtidoría, con "Outono en Compostela", dotado con 500 euros en produtos Hijos de Rivera. Pola súa banda, o público outorgou o Primeiro Premio á Tapa que mellor marida con Estrella Galicia 2015 a Gaia, pola tapa "O Caínzo", cunha contía de 200 euros en produtos Hijos de Rivera.

O Premio (é)xcelente 2015 recaeu en The Seafood Bar, que recibe 500 euros por ser o establecemento mellor valorado polos clientes como experiencia global no concurso.

O Premio á Tapa con máis Chispa 2015, promovido da man de Coca Cola Iberian Partners, é para A Grella, por "O carbón da Grella".

Na cita tamén se desvelaron as fotografías gañadoras dos concursos en redes sociais, na que Turkish Airlines e Coca Cola Iberian Partners premiaron a interacción e creatividade do público de Santiago(é)Tapas.

Datos do concurso
A oitava edición do Santiago(é)Tapas funcionou como plataforma de difusión da hostalería compostelá no mes de novembro. Un total de 69 establecementos embarcáronse neste concurso no que se presentaron 109 tapas distintas, que foron moi ben acollidas entre uns clientes que destacaron a súa calidade. Servíronse máis de 31.000 petiscos entre os establecementos participantes.

Para outorgar maior peso aos produtos galegos de calidade, todas as tapas que se serviron durante a última edición de Santiago(é)Tapas incorporaron algún produto con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida.

Os participantes mostraron unha gran satisfacción polos resultados obtidos nun certame que contou con moitísima afluencia de público e eco nas redes sociais.

Santiago(é)Tapas está organizado por primeira vez de xeito conxunto Turismo de Santiago e Asociación Hostalería Compostela. Conta co patrocinio do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Cash Record e Coca Cola, a colaboración especial de Estrella Galicia e Turkish Airlines. o apoio de Rio Natura Monbus Obradoiro; e a colaboración de Cabreiroá e Renfe.

Compartir: