CONSORCIO

O Consorcio de Santiago aproba o orzamento para 2016, que ascende a 9.142.471 euros e non baixa por primeira vez en oito anos

14/12/2015 O Consorcio de Santiago celebrou este luns a súa Comisión Executiva e Consello de Administración, ambas xuntanzas presididas polo alcalde da cidade e presidente do organismo, Martiño Noriega. Entre os temas abordados na orde do día, presentouse o orzamento para o vindeiro ano, que ascende a 9.142.471,05 euros. As aportacións das tres Administracións consorciadas mantéñense con respecto a este ano 2015 e non baixan por primeira vez dende 2007. Así, a Administración Xeral do Estado achega 4.795.150 euros, a Xunta de Galicia 2.684. 413 euros e o Concello de Santiago 1.361.295 euros.

O Consorcio aprobou esta mañá o seu programa de monumentos para o vindeiro ano, cun orzamento global estimado de 783.966,40 euros. Entre outras actuacións, intervirase no Pazo de Raxoi, de cara a mellorar a estanquidade e a eficiencia enerxética do inmoble, ao tempo que se prevé a redacción dun Plan Director do edificio.

Por outro lado, renovarase o tellado da igrexa de San Agustín, substituiranse as revocaduras deterioradas da Colexiata do Sar, actuarase nas fachadas e na cuberta da igrexa da Quinta Angustia, no tellado da igrexa de San Pedro de Busto e tamén no da igrexa de Santa Cristina de Fecha, melloraranse os muros da igrexa de Santa María de Cesar e restaurarase o retablo e o altar da Virxe das Dores da igrexa de San Miguel dos Agros.

Ademais, o Consorcio de Santiago investirá en 2016 un total de 439.737,27 euros na reforma do Auditorio de Galicia.

Programación cultural
No transcurso da Comisión Executiva deuse luz verde ao programa de publicacións e exposicións do Consorcio para o vindeiro ano. Ademais, aprobouse un convenio de colaboración coa Fundación Eugenio Granell destinado a apoiar iniciativas de dinamización cultural que promove a entidade. E aprobouse outro convenio con "Música en Compostela", o curso universitario internacional de música española que cada ano se celebra en Santiago no mes de agosto.

Plan cuatrienal
O Consorcio aprobou tamén a súa programación cuatrienal ata 2018, na que destaca a posta en marcha do primeiro Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación que existirá en Península Ibérica, situado na antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba. O centro está promovido pola Fundación Laboral da Construción e o Consorcio de Santiago, en colaboración co Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento. Tras dúas fases de obra, nas que se acometeu a consolidación dos edificios ori¬xinais e a edificación das naves que se destinarán a talleres, na actualidade estanse a desenvolver os traballos correspondentes á terceira fase, que deixarán concluídas as obras necesarias para que o centro poida iniciar a súa actividade. O investimento do Consorcio neste proxecto para o período 2015-2018 é de 1.047.000 euros.

No relativo á rehabilitación, restauración e mantemento do patrimonio edificado e monumental, o Consorcio dispón de tres liñas: vivenda, locais comerciais e monumentos e equipamentos. No período 2016-2018, o organismo investirá un total de 650.000 euros para a rehabilitación e mantemento de vivendas do casco histórico, 1.883.140 euros na rehabilitación de monumentos e 1.040.737 euros para a mellora dos equipamentos da cidade.

No caso dos locais comerciais, iniciarase unha nova programación de mellora dos locais situados na cidade histórica, que incidirá na optimización da accesibilidade e da imaxe exterior dos mesmos. Para esta finalidade está previsto destinar unha cantidade de 300.000 euros nos vindeiros tres anos.

Compartir: