CONSORCIO

A Unesco convida o Consorcio de Santiago a participar na súa Escola de Inverno, dedicada ao estudo de fórmulas de xestión eficiente das cidades Patrimonio da Humanidade

14/12/2015 A UNESCO convidou o Consorcio de Santiago a participar na Unesco Winter School: Sustainable Energy Governance in UNESCO World Heritage Sites, que se desenvolverá en Venecia entre o 13 e o 19 de decembro. A esta reunión están convocados os principais xestores de diferentes cidades Patrimonio da Humanidade do sueste de Europa, ademais de expertos e profesionais da xestión enerxética das arquitecturas históricas.

As diversas iniciativas e programas que promoveu o Consorcio en Santiago de Compostela dende a súa creación é unha das experiencias de referencia que abordará a Escola de Inverno da Unesco coa finalidade de analizar liñas para mellorar a xestión enerxeticamente eficiente dos centros históricos europeos que son Patrimonio da Humanidade.

A Escola de Inverno da Unesco presentará, entre outras materias, un avance dos resultados do Programa EFFESUS, acrónimo en inglés de "Eficiencia enerxética para a sustentabilidade dos centros históricos europeos", un programa de investigación da Unión Europea que se enmarca no Sétimo Programa Marco de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, no que está integrado o Consorcio de Santiago dende o ano 2012 e que finaliza o próximo ano. O seu obxectivo é desenvolver solucións para mellorar a eficiencia enerxética en edificios e conxuntos históricos de Europa compatibles coa preservación e posta en valor do patrimonio cultural que representan.

O Consorcio de Santiago é un dos 23 socios do programa EFFESUS, xunto con diversas institucións, universidades e empresas de toda Europa. Entre eles destaca o prestixioso centro de investigación alemán Fraunhofer, o máis grande de Europa; ou Tecnalia, o maior grupo privado de I+D+i de España, que actúa como coordinador do grupo.

A experiencia de Santiago
O Consorcio de Santiago foi convidado en función da súa contrastada experiencia nos procesos de recuperación física e cultural da cidade histórica de Santiago, Patrimonio Unesco da Humanidade dende 1985. Ademais dos múltiples e innovadores programas de rehabilitación de edificios, vivendas, monumentos e espazos públicos que promoveu o Consorcio dende 1994, interesan as iniciativas do organismo vinculadas cunha reflexión integral da cidade, coma o Sistema de Información Xeoreferrenciada (SIP), o Plan Director de Infraestruturas Urbanas e Xestión Enerxética da Cidade Histórica de Santiago, a Definición dunha Estratexia de Verde Urbano para Compostela ou Enerxía e Medio Ambiente para a Habitabilidade en Santiago de Compostela, traballos de aproximación á rehabilitación urbana nos que o Consorcio de Santiago foi pioneiro.

Ademais das iniciativas do Consorcio dende a súa creación, abordarase o traballo realizado dende o ano 2012 no Programa EFFESUS, un importante proxecto de investigación da Unión Europea sobre cidade, rehabilitación e enerxía, no que a cidade histórica de Santiago é un dos sete casos de estudo en Europa.

Nova ferramenta de avaliación enerxética
Na Unesco Winter School: Sustainable Energy Governance in UNESCO World Heritage Sites probarase o Sistema Soporte de Decisións (DSS). Trátase dunha innovadora ferramenta informática para a avaliación enerxética de intervencións de renovación urbana e rehabilitación de edificios que está a desenvolver o Programa EFFESUS. O Sistema de Información Xeorreferenciada de Santiago de Compostela (SIP), desenvolvido polo Consorcio, permitiu que a cidade sexa o modelo de traballo elixido para o deseño e construción deste sistema.

O DSS, dirixido con diversa accesibilidade a técnicos, funcionarios, xestores urbanos ou cidadáns, está concibido para axudar a priorizar e compatibilizar rehabilitacións enerxeticamente eficientes e absolutamente respectuosas co valor patrimonial dos edificios e distritos sobre os que se actúa. En representación do Consorcio de Santiago, o arquitecto Ángel Panero, responsable científico e técnico do proxecto no Consorcio, desprazarase a Venecia para participar nas reunións.

Compartir: