ESPAZOS CIDADÁNS

Acordo para cancelar o convenio de construción de novos accesos ao aparcamento de Galeras ocupando espazo público

14/12/2015 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade anunciou hoxe que o Goberno local chegou a un acordo coa empresa Tugalo, responsable do aparcamento de Galeras, que supón cancelar o convenio asinado no seu día e que prevía o acondicionamento de novos accesos ao estacionamento utilizando espazo público. Jorge Duarte lembrou que este proxecto "suscitara moitas queixas da veciñanza, e o Executivo quixo facer un exercicio de diálogo tanto coa cidadanía como coa empresa, para acadar un acordo beneficioso para todos".

O Concello e a concesionaria do aparcamento de Galeras traballan agora na redacción dun novo protocolo, que contemplará a construción dunha rotonda entre Santa Isabel e Entrerríos. O custo da glorieta correrá a cargo da empresa. O concelleiro de Espazos Cidadáns explicou que esa rotonda conseguirá un dobre obxectivo: facilitará os accesos ao aparcamento e mellorará o tráfico na zona. Nese sentido, Jorge Duarte sinalou que "é vontade do goberno substituír as interseccións reguladas por semáforos por glorietas, porque se entende que garanten mellor a fluidez do tráfico".

Ademais, lembrou a importancia dese estacionamento para evitar a entrada de vehículos no centro da cidade. Por iso, explicou Duarte, "estanse estudando outras medidas para mellorar a visibilidade do aparcamento, que teñen que ver coa sinalización".

En canto á rotonda prevista polo anterior Goberno na intersección de Galeras con García-Sabell, o concelleiro de Espazos Cidadáns desbotou a súa construción. Jorge Duarte lembrou que se está traballando nun Plan de Mobilidade que deberá aportar solucións para minimizar o tráfico en San Francisco e, en segundo termo, en García-Sabell e Entrerríos. Por iso, o edil entende que esa glorieta xa non sería necesaria.

Compartir: