FESTAS

Os mercados de Nadal e da Estrela, o carrusel, a pista de xeo e o bosque máxico botan a andar esta fin de semana

11/12/2015 Arranca o Nadal en Compostela coa posta en funcionamento de numerosas actividades durante a fin de semana. Este venres inaugurouse o Belén Tradicional de San Fiz, localizado na igrexa que leva o mesmo nome e que foi recentemente restaurado polo Consorcio. Consta de 200 pezas elaboradas artesanalmente e estará iluminado. Xunto a el este ano cobra maior protagonismo a nave 5 da Praza de Abastos, lugar escollido para a celebración do Mercado de Nadal dende o venres 11 de decembro ata o 5 de xaneiro, de luns a venres de 11:00 a 15:00 e de 17:00 a 21:00 horas, e os sábados e domingos de 11:00 a 21:00 horas. Haberá días especiais con horarios ampliados que se poden consultar na web www.nadalencompostela.com, que estará operativa a partir deste luns e onde se poderá consultar toda a programación deste Nadal.

O domingo porase tamén en funcionamento un carrusel instalado na praza do Obradoiro para que os e as máis pequenas se divirtan durante estas festas. Xunto a el, o Bosque Máxico de Nadal, formado por 30 árbores de distintas alturas que lembran que este 2015 se cumpren 30 anos da declaración de Santiago como cidade Patrimonio da Humanidade. A tal efecto instaláronse tres "tubos máxicos" a modo de caixa de correos, para que os veciños e veciñas poidan deixar constancia dos seus desexos para a cidade nos próximos 30 anos. Os desexos da xente meteranse nunha cápsula do tempo que se abrirá no ano 2046, cando a veciñanza poderá coñecer se se cumpriron os seus desexos.

Alumeado
O domingo 13 haberá unha chocolatada cos regueifeiros Pinto d'Herbón e Suso de Xornes na praza do Obradoiro e porase en funcionamento o alumeado especial nas estatuas da Leiteira, Valle-Inclán, Maruxa e Coralia e Rosalía de Castro. Tamén comezará a funcionar o alumeado no casco histórico da cidade.

Centros socioculturais
Aínda hai prazas dispoñibles para participar do obradoiro para familias embarazadas As cores sobre nós, belly painting, que se celebrará na Casa das Asociacións de Cornes o próximo mércores 16 de decembro, a partir das 17:30 horas.

Guiados por una monitora, animarase a que as embarazadas, acompañadas da súa parella e fillos, decoren con pintura corporal o seu ventre, reforzando os vínculos familiares, ao involucrar a distintos membros da familia, e preparándose para a chegada do bebé.

Precísase inscrición previa e trátase dunha actividade de balde con prazas limitadas a 12 familias. Hai máis información no número de teléfono 981 542 350, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e tamén nos centros socioculturais.

Compartir: