ACCIÓN CULTURAL

Joana Hurtado explica en Santiago o funcionamento do Can Felipa de Barcelona

11/12/2015 A responsable de Artes Visuais do Centro Cívico Can Felipa de Barcelona, Joana Hurtado, dará en Compostela unha conferencia sobre o funcionamento deste espazo, titulada "A experiencia do Can Felipa Arts Visuals". Será este luns, 14 de decembro, ás 20:00 horas, nun acto con entrada libre.

Hurtado está en Compostela porque forma parte do comité de selección de traballos que conformarán a programación do vindeiro ano 2016 na Zona "C". Diálogo, colaboración, creatividade, experimentación, proxectos... traballar en favor da colaboración e a participación, un debate que abrirá Joana e no que invitará a participar a todos os presentes.

Can Felipa, un espazo de proximidade
Joana Hurtado é crítica de arte e responsable de Artes Visuais do Centro Cívico Can Felipa. Desenvolve a súa actividade neste espazo, un centro de proximidade emprazado no barrio do Poblenou que impulsa un traballo transversal que implica ao barrio. O centro está localizado nunha antiga fábrica de tecidos que o movemento asociativo e veciñal recuperou para o barrio.

Can Felipa ten a vontade de intensificar as relacións co barrio, imaxinar novas vías de colaboración e facilitar espazos de traballo en rede. Por iso, impulsan un programa que quere articular de forma transversal as dúas grandes liñas de traballo do centro destinadas á creación emerxente: as artes visuais e as artes escénicas.

O seu obxectivo e o seu reto é promover un proceso de traballo que articule a través do diálogo, a investigación e a colaboración pontes entre o centro cívico e o tecido social do barrio para crear complicidades, ideas conxuntas e establecer unha comunicación entre uns e outros. Can Felipa aposta pola creatividade e a experimentación colectiva para pór en marcha un novo proxecto cultural no que estean implicados o centro cívico, as asociacións e os veciños de Poblenou.

O La(b) Felipa é o resultado. Exponse como un laboratorio, un espazo de experimentación, aprendizaxe e produción onde artistas, compañías, entidades, institucións e colectivos traballen conxuntamente para crear e producir accións de mediación e actividades públicas relacionadas cos proxectos seleccionados ás convocatorias de artes visuais e artes escénicas. Estes proxectos teñen que partir do interese para interactuar co Poblenou e a cidadanía, promover o traballo en rede e favorecer a colaboración e a participación.

Novas intervencións na Zona "C"
Joana Hurtado visita Santiago para formar parte do comité de selección de proxectos de Zona "C", espazo de creación multidisciplinar emerxente inaugurado en 2007, que xa ten acollido a numerosos creadores e que conta, desde 2015, con novas bases de participación.

O pasado mes de novembro estivo aberta a convocatoria de apoio á creación en artes visuais e puideron presentarse proxectos en tres modalidades: de intervención artística, de comisariado e de comunicación gráfica. Agora, un xurado formado pola propia Hurtado; o artista Manuel Eirís; a crítica de arte Chus Martínez, a comisaria de exposicións, Clara Rodríguez; e Chus Busto, responsable de exposicións do Auditorio de Galicia, decidirá cales son os seleccionados e estes formarán a programación da Zona "C" no ano 2016.

Compartir: