XUNTA DE GOBERNO

O Goberno municipal adopta as primeiras medidas para obrigar á urbanización do SUNP-31 de San Marcos

11/12/2015 A Xunta de Goberno acordou este venres declarar o incumprimento do deber de executar a urbanización completa do ámbito do Plan Parcial do 1º sector do SUNP-31 de San Marcos, asumido pola Xunta de Compensación do polígono e pola inmobiliaria Outeiro de Sar S.L. Ademais, aprobou incautar a garantía prestada para responder ás súas obrigas por parte da empresa, un aval bancario por un importe de 507.099,86 euros.

O alcalde, Martiño Noriega, explicou que con esta medida empeza o procedemento para darlle resposta ás queixas dos veciños, que viron como a promotora deixou sen rematar unha parte importante da súa urbanización. O rexedor lembrou que o goberno saínte iniciara o proceso, que se viu paralizado polo recurso presentado por Outeiro de Sar S.L. Agora, sinalou Martiño Noriega, queda pendente "ver como se vai vehiculizar o aval, pero en principio hai alternativas para que non sexa o Concello o que teña que actuar como promotor".

Aprobación de axudas
A Xunta de Goberno aprobou o expediente de concesión e pagamento de axudas, dentro da convocatoria das subvencións para a posta en marcha de novas liñas de negocio e ferramentas de xestión empresarial do Urbana Santiago Norte. Tamén dentro deste programa, aprobouse a xustificación e pagamento das axudas a empresas privadas, para o financiamento de bolsas para o acceso a persoal especializado, co obxectivo de mellorar a competitividade. As subvencións, por un importe total de 67.711,41 euros, beneficiarán a 26 empresas.

Ademais, a Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo concedeu unha axuda para o fomento do emprego ao único solicitante, por un importe de 1.550 euros. Noutra orde de cousas, o mesmo departamento que dirixe Marta Lois levou á Xunta de Goberno de hoxe a sinatura dun convenio de colaboración coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), polo que o Concello lle fará unha achega de 15.000 euros.

Na reunión deste venres, tamén recibiu luz verde a concesión de axudas do programa Santiago Suma a un total de 11 beneficiarios, e por un importe total de 17.100 euros. As achegas servirán para afrontar gastos relacionados co aloxamento, a manutención ou o pago de comedores escolares. O alcalde lembrou os problemas cos que se está atopando o Goberno para aplicar o programa Santiago Suma, porque "utilizou para as persoas en exclusión social os mesmos criterios que, por exemplo, para as asociacións culturais ou entidades deportivas". Deste xeito, ás axudas non poden acceder persoas que teñan débedas coas administracións, algo moi frecuente entre o colectivo de potenciais beneficiarios. Martiño Noriega lembrou que o executivo está traballando para aprobar unha nova ordenanza, que sexa máis operativa.

Oferta de emprego e recoñecementos extraxudiciais de crédito
A Xunta de Goberno aprobou hoxe a oferta de emprego do Concello de Santiago para o ano 2015. Nela inclúense as seguintes prazas:

- 3 Policías Locais en quenda libre
- 1 Policía Local en quenda de mobilidade
- 1 oficial da Policía Local en quenda de mobilidade
- 4 oficiais da Policía Local en quenda de promoción interna
- 3 inspectores da Policía Local en quenda de promoción interna
- 2 inspectores principais da Policía Local, en quenda de promoción interna
- 2 sarxentos do Servizo de Extinción de Incendios en quenda de promoción interna
- 8 administrativos en quenda de promoción interna
- 4 técnicos de xetsión en quenda de promoción interna
- 4 técnicos de administración xeral en quenda de promoción interna

Por último, a Xunta de Goberno levantou o reparo e recoñeceu as obrigas de pago de facturas de subministro eléctrico, por un importe total de 548.174,22 euros. O alcalde lembrou que o Concello de Santiago ten un contrato de subministro en precario, porque non se sacou a concurso o servizo dende que se liberalizara o mercado eléctrico. Martiño Noriega adiantou que o Executivo está en trámites para facer esa licitación.

Documentos relacionados



Compartir: