SAÚDE

Santiago firma un manifesto para defender que os municipios poidan promover a saúde

10/12/2015 O Pleno municipal votou a favor de que Santiago se adherise a un manifesto para defender que os municipios poidan promover a saúde. Ademais da nosa cidade, foi asinado polos concellos de Madrid, A Coruña, Zaragoza, Cádiz e Barcelona.

A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, Concha Fernández, asegura que "os concellos, como administración máis próxima á veciñanza deberiamos ter maiores competencias na defensa da saúde pública como ben de todos e todas". O manifesto é un primeiro paso na colaboración en accións conxuntas nestas liñas, e está aberto á adhesión doutros e outras responsables de saúde e municipios.

Este manifesto defende a derrogación da Lei de racionalización e sustentabilidade da Administración local, que limita as competencias municipais de saúde á protección da salubridade pública. Os municipios asinantes do manifesto consideran que dende os concellos hai oportunidades especiais para poder promocionar a saúde da cidadanía, con estratexias intersectoriais que impulsen unha perspectiva de saúde en todas as políticas públicas, ou que aborden o desenvolvemento da saúde comunitaria nos barrios e nos pobos.

Neste sentido, o manifesto defende actuar dende a Administración local sobre os determinantes sociais da saúde. O manifesto lembra que mellorar as condicións sociais, económicas, ambientais, políticas e culturais dos municipios contribúe a mellorar a saúde das persoas. Proclama tamén que a saúde se debe tratar como un eixo transversal na acción municipal, introducindo a avaliación do impacto en saúde das políticas públicas. Así pois, a redución das desigualdades sociais en saúde, por razón de xénero, de clase social, de territorio, de orixe, etc, teñen que ser un compromiso e un obxectivo de todo goberno.

O manifesto tamén compromete os municipios asinantes a garantir o dereito á protección da saúde, e a unha atención sanitaria pública, de cobertura universal, e sen exclusións, equitativa, gratuíta no punto da asistencia, e financiada por impostos progresivos suficientes como para cubrir as necesidades da poboación.

Empraza aos concellos tamén a rexenerar o carácter público dos servizos de saúde; a asegurar a transparencia, a eficacia e os dereitos das persoas usuarias; a potenciar a atención primaria; e a fomentar a participación real e a democracia na saúde, favorecendo que a cidadanía e o persoal sanitario teñan un protagonismo real nos órganos de goberno do sistema sanitario e dos centros.

Finalmente, os municipios asinantes comprométense a traballar por unhas cidades que non xeren enfermidades, senón que coiden as persoas que as habitan, así como os bens comúns e os espazos públicos onde se desenvolve a vida cotiá.

Compartir: