ACCIÓN CULTURAL

"Menú do día", con Carlos Blanco e Luis Davila, e "Sushi gratis", de Funboa Escénica, próximas propostas teatrais

10/12/2015 Dentro do programa de Teatro da Concellaría de Acción Cultural, a vindeira semana teremos dúas propostas. Martes e mércores chegará ao Teatro Principal o Menú do día dos humoristas Carlos Blanco e Luis Davila. Ofrecerán unha función o martes 16, ás 20:30 horas, e dúas o mércores 16, ás 20:30 e ás 23:00 horas, con entradas a 10 euros (7 € no anfiteatro). Xa o xoves poderemos ver a proposta de Funboa Escénica, Sushi gratis, da man de Cristina Balboa e Lúa Gándara e cun prezo tamén de 10 euros.

Un experimento, un encontro, un formato novo onde dous consagrados humoristas, Luis Davila e Carlos Blanco, unen enxeños para, nun traballo esteticamente impecable, dar unha volta de torca ao monólogo humorístico para trasladalo a un directo hipnótico, onde a retranca dita e debuxada simultaneamente, obrigan ao espectador a non saber moi ben nalgún momento a onde prestar atención. Un proxecto premiado coa asistencia masiva de público a cada unha das súas representacións, probado en teatros e mesmo ao aire libre con éxito. Un encontro de dous amigos cun lugar común. O humor. E absolutamente galego.

Davila e Blanco traballan xuntos, á par, elaboran cousas novas cada noite e gozan e fan gozar ao público con historias sobre a Garda Civil, as bravas do país, ou o fútbol. Isto é o Menú do día que o espectador poderá degustar no Teatro Principal.

Sushi gratis con Funboa Escénica
Dúas mulleres reúnense para tomar té, e mentres contan un gran segredo, comezan a reflexionar sobre a necesidade do drama e a esaxeración para levar unha vida máis acorde coas súas percepcións románticas sobre a arte e mesmo a felicidade. Sushi gratis é unha precuela, unha peza do que fomos, da raíz do desastre, dos recordos... A construción ficticia da propia vida e da nosa identidade.

Nas tres propostas hai un traballo dende a verdade, a memoria e o contexto, onde o humor é utilizado como superación das fallas cósmicas que nós interpretamos como realidade. Hai un segredo, como o das telenovelas, que vai saíndo á luz desde o que pide a historia, a través dun texto, en parte improvisado. Cristina Balboa conta a historia, Lúa Gándara é a confidente, a asistente, a que tira do fío e unha espectadora máis.

As entradas para ambos espectáculos están xa á venta no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 h), no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com.

Compartir: