ACCIÓN CULTURAL

"O traxe popular feminino en Compostela na obra de Carlos Maside" e "1001 cantigas para o traxe" gañan o XXI Premio Antonio Fraguas

10/12/2015 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, entregou esta tarde os galardóns do XXI Premio de Investigación Antonio Fraguas sobre o Traxe Galego nun acto celebrado no Salón Nobre do Pazo de Raxoi.

Os premiados este ano son, na modalidade descritiva e cunha contía de 600 euros, O traxe popular feminino en Compostela na obra de Carlos Maside, obra de María Esther Rodríguez Losada, de Santiago de Compostela. Na modalidade analítica e cunha contía de 1.200 euros, o premiado é José Luis Rodríguez Álvarez, natural de Pontevedra, co seu traballo 1001 cantigas para o traxe.

O xurado nesta XXI edición estivo composto por: Ana Blanco Gómez, da Fundación Rosalía de Castro; Xesús Ferro Ruibal, do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades; e Xosé Manuel González Reboredo, do Padroado do Museo do Pobo Galego. O membro do xurado, profesor e académico, Xesús Ferro Ruibal, asistiu á entrega do premio e procedeu á lectura da acta.

Na súa intervención, a concelleira agradeceu o labor da Asociación do Traxe Galego e reivindicou a necesidade de seguir "traballando cun obxectivo claro: recuperar e poñer en valor a nosa indumentaria tradicional, despois de moito tempo no que estivo desvirtuada, no que parecía que o traxe galego non era máis que unha saia vermella e unha camisa branca". Nesa mesma liña, Novoneyra sinalou que "a pesar de que se trata dun premio cuantificado economicamente, case sempre as persoas que se dedican a investigar o traxe galego o fan por unha cuestión de amor á nosa cultura e ás nosas tradicións".

Asociación do Traxe Galego
A Asociación do Traxe Galego é unha entidade cultural sen ánimo de lucro que, coa axuda dos seus máis de 300 socios, vén traballando dende distintas vertentes sobre o obxectivo xeral da promoción, dignificación e uso do noso traxe tradicional. Dende 1995, a Asociación promove anualmente o único premio de investigación sobre o traxe tradicional existente en Galicia.

Compartir: