EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O alcalde participa na celebración en Santiago do Día Universal dos Dereitos Humanos

10/12/2015 O alcalde participou esta mañá no acto organizado pola Concellería de Educación e Cidadanía para conmemorar o Día Universal dos Dereitos Humanos. Martiño Noriega asistiu, no Auditorio Abanca da rúa do Preguntoiro, á lectura ininterrompida dos 30 artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, asinada hai 67 anos.

O rexedor encargouse de ler un manifesto en prol dos dereitos humanos, e o artigo 18, que sinala que "toda persoa ten dereito á liberdade de pensamento, de conciencia e de relixión; este dereito inclúea liberdade de cambiar de relixión ou de crenza, así como a liberdade de manifestar a súa relixión ou a súa crenza individual e colectivamente, tanto en público como en privado, o ensino, a práctica, o culto e a observancia".

Ademais do alcalde, os encargados de ler a Declaración Universal dos Dereitos Humanos foron o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios; 237 alumnos e alumnas de oito centros públicos e concertados da cidade; representantes de asociacións non gobernamentais e entidades que traballan na defensa dos dereitos humanos. O acto estivo amenizado con música e contou coa participación do contacontos Celso Sanmartín.

30 anos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Concello tamén colabora co Seminario Galego de Educación para a Paz na celebración do seu 30º aniversario. A organización desenvolverá mañá e o sábado unhas xornadas sobre Cultura de paz, seguridade e desarmamento nas dependencias de Abanca na praza de Cervantes. A conferencia inaugural correrá a cargo de Federico Mayor Zaragoza, presidente da Fundación Cultura de Paz e exdirector xeral da UNESCO.

No marco das xornadas, presentarase, por primeira vez en Galicia, o Plan de Paz e Convivencia do Goberno Vasco, nunha charla que correrá a cargo de Carlos Fonseca, secretario de Paz e Convivencia do Goberno Vasco. Tamén participará o alcalde de Rivas Vaciamadrid, Pedro del Cura, como vicepresidente da Rede Internacional Alcaldes pola Paz.

As xornadas do 30º aniversario do Seminario Galego de Educación para a Paz completaranse con varias mesas redondas sobre "Paz, seguridade e conflitos armados", "Paz, desenvolvemento e seguridade humana", "Desarmamento e desmilitarización para a paz" e "Armas, mulleres, paz e seguridade".

Compartir: